Opinión

Sempre contigo, mamá

Opinión

Sempre contigo, mamá

Imos hoxe ata alí, mamá? Dime que si, que me levas a non sei onde…

Morro por ir contigo, collida a ti, sentindo o aire fresco na cara e no pelo e a túa man garimosa apretando forte a miña para dar brincos nos charcos, para non tropezar nas pedras nin enchouparme nos lameiros. Levarei botas de goma por se atravesamos regueiros e os calcetíns de lá que teciches para mín que non deixan entrar  o frío nin a xeada.

Vai preparando os contos que me has contar,mamaciña. O camino será longo e aquel pobo abandonado que me vas ensinar -con ventás e corredores nos  que colgan hedras e silvas-  vainos enfeitizar de vez, e ó mellor transfórmanos  a fraga en  fermosas fadas vestidas e coroadas  con follas e flores. Sempre me contas  lendas que acaban ben, á fin todo se arranxa da mellor maneira e –ainda que moitas veces sofre inxustamente o bondadoso- o remate é victorioso e alegre coma ti  e coma min, coma nós: nai e filla, convertidas co noso xogo nas mellores amigas. Os toxos non nos picarán se imos atentas contando os raios de sol que queren rexurxir entre as árbores.

Canto me fas rir coas túas expresións graciosas…! Hai poucas cousas tan lindas como estar así, mamá, metida nas historias e aventuras que ti imaxinas, nos nomes e palabras que inventas, no cómico e no tráxico que se cruza  no teu maxín chocando co real e facéndome chorar de risa entre os teus brazos.

Un día fuches o meu paraíso… agochada eu en ti, pequeniña, diminuta, microscópica, e ti xigante, inmensa, infinita, dándome o sangue e o latexo, o suspiro e a pel.  Con esa doce presión que me consola, que ten olor, son e sabor, sinto a túa man una vez máis como o mar onde navego segura. Sempre o mellor refuxio.

Para todas as mamás.