Opinión

A Xosé Neira Vilas

Como che pagaremos, Patriarca das Letras, todo o que loitaches para elevar ós altares esta Nosa Terra Galega? Como pagar o amor con que pronunciaba a túa boca a palabra “Galicia”? Como pagar tantas horas entre a vela e a pluma, no estudo solitario investigando nas psicoloxías das historias reais e as ficticias, polas que nos fixo navegar o teu maxín? Como pagarche o tempo de sono que che roubamos os que te reclamamos para entender a túa indagación na lingua e literatura desta fala que tan docemente e amorosamente conquistaches para lanzarlla ó mundo enteiro, bregada por ti?

Alfareiro da nosa cultura máis alá dos mares, por terras de América. Atoparaste agora cos nosos devancei- ros e con tantos outros pensadores de quen fuches faro e guía naqueles lares que vos permitiron vivir a liberdade e comprobar que o talento que nacera aquí, era grande e universal, outra patria.

Xeneroso. Humano. Alegre. Con memoria privilexiada, lembrabas os nomes de homes e mulleres sabios e emprendedores que levaban o noso sangue.

Que honor beber das fontes desta Máxica Terra de entrañas amables! Que honor saber que tamén a ti te meceron -ata pecharche os ollos- as notas marabillosas dun acordeón...!

Nunca poderei esquecerte, meu admirado Neira Vilas, por agasallarnos con emocións e aventuras, por levar na voz a rosa dos artistas, por emanar tanto cariño e dozura.

Nunca -nunca xa- poderemos pagarche tanta sensi- bilidade e tanta entrega.

A última vez que nos vimos falamos da sementeira (ai, a vida!) e, por suposto, das “Memorias” do teu neno labrego. Ó darnos a man quedou en min esa calor dos grandes homes e, nos segundos que durou aquela aper- ta, levounos a imaxinación a aquela aldea que se encheu de saberes, de ledicia e de luz, onde non había nin ricos nin pobres, onde todos xogaban a vivir en paz. Alí cantaban e bailaban sen parar. Volvera Pachín e todo estaba ben. E ti, querido Xosé, eras para mín, a través do tácto quente dos teus dedos, aquel pequeno Balbino, o teu neno eterno. 

Te puede interesar