Opinión

Bosque de igrexas, igrexa de bosques

Con motivo das noticias dos últimos días sobre o Plan Forestal de Galicia e as novidades que se propoñen, compartimos o que temos aprendido nos últimos anos sobre a Ribeira Sacra. Aínda que o nome que todos coñecemos hoxe para definir esa parte do noso territorio, a Ribeira Sacra, ten que ver coa proliferación das construcións sacras a través das edificacións relixiosas, está ben lembrar que a orixe do topónimo relaciónase cunha carballeira (plural) ou carballo (singular) que definía o sitio aló polo 1124.

Hoxe cando desde Paradela divisamos o bosque que rodea Santo Estevo de Ribas de Sil, unha primeira impresión poderíanos levar a falar dunha suposta masa forestal de produción de madeira. Mais, entrando polo miúdo neste espazo e coa axuda de Lolo, Ana ou Santiago Bonay, descubriremos un cultivo dunha enorme complexidade no que se mesturan a construción do territorio, cos camiños, pasais, pontellas, coa súa estrutura de peches, escairos, muras e ouriceiras que organizan os soutos de castiñeiros. Xunto a esta parte máis produtiva, no caso de Santo Estevo agóchanse tamén capelas, santuarios e eremitorios, nunha construción miúda e espiritual do territorio.

Este bosque, que cambia de aspecto coas estacións, que transmite información totalmente diversa e que permite unha contemplación da paisaxe mutante das contornas das ribeiras do Sil e do Cabe, abre a interpretación de que baixo esta suposta imaxe forestal hai un tecido construído e cultivado que identificamos co título deste artigo “Bosque de igrexas, igrexa de bosques”.

O título é o reflexo especular dun título amigablemente roubado dun prólogo que Ramón Villares redactou para un catálogo da arquitectura románica de Ribeira Sacra, realizado por Xosé Antonio Quiroga e publicado pola Fundación Soto de Fión, que xestiona o Ecomuseo de Arxeriz, magnífica porta de entrada para o coñecemento da Ribeira Sacra.

Neste museo poderemos ademais comprender os outros usos do bosque na sala dedicada á viticultura, con todas as utilidades materiais e artesanais que nacen desas árbores para coidar da vide e do viño, ou na sala das embarcacións tradicionais, de como as distintas especies de madeira se fan cos ríos e navegan por eles, o Ecomuseo sería, xa que logo, a memoria do bosque. 
E falando de memoria, xa perdemos a memoria de cando podíamos construír ou rehabilitar con castiñeiro ou carballo galego nas debidas condicións para ser instalado en obra coas debidas garantías, de tal xeito que cando aparecía unha partida, xeralmente reciclada, tratámola como un tesouro.

O bosque é tamén espazo de desfrute e recreo, especialmente valioso nestes tempos en que demandamos espazos abertos, unha certa distancia, e soidade, convertendo os baños de bosque en baños de saúde física e psicolóxica, que se vostede ten a opción de realizar con Francisco Almuíña ou Anxo Moure, constituirán unha experiencia inesquecible. 

Hoxe vemos con máis intensidade se cabe, que o valor paisaxístico, cultural, recreativo, e polo tanto económico a través dunha actividade turística sostible do bosque autóctono fronte as plantacións de especies non autóctonas, fan deles un dos principais valores da Ribeira Sacra, fundamental ademais para a imaxe de calidade dos produtos desta zona.

Estes bosques ideais conviven tamén, fóra das Ribeiras, con outros que veñen a reflectir o abandono do equilibrio que o bosque cultivado representa. A aparición do eucalipto, primeiro, e da mimosa, despois, non fan máis que certificar esa situación de abandono e ruptura do equilibrio. 

Saudamos á moratoria de plantación do eucalipto e a esa nova estratexia forestal como unha porta aberta para reconsiderar ou repensar bosques como estes da Ribeira Sacra, que puideran servir de exemplo para un novo futuro de xestión dos nosos montes.

Te puede interesar