Opinión

ABRAIANTE

Pois vou falarlles hoxe do 'buscador' Google e do pobo da Serralleira. Por mellor dicir, da relación entre o maior xigante do universo de internet e dunha das máis pequenas aldeas de todo Galicia. A Serralleira, un lugar perdido no monte, da parroquia de Vilar de Lebres, concello de Trasmiras, provincia de Ourense, e a tres quilómetros de Viladerrei (o meu pobo de nacenza). Con media ducia de casas bastante deterioradas, quizais non pase de tres o número de veciños que na actualidade residen alí. Sentado o anterior, ¿cal a imaxe que está a transmitir Google da realidade da Serralleira e das súas ofertas? A ver.


Sector inmobiliario: Propiedades en A Serralleira. Venta y alquiler; tenemos muchas ofertas. Variedad de pisos. Alquilo casas y pisos vacaciones. Venta cortijos.


Edificación: Vivienda moderna. Domótica y automatismos en A Serralleira.


Horario comercios: Consulte horarios de centros comerciales y supermercados de A Serralleira.


Servizos de saúde: Centros de salud en A Serralleira, horario de consultas, información completa.


Automoción: Garajes y tractores en A Serralleira. Alquiler de coches de distintas marcas y modelos.


Prestación servizos domésticos: Montepío y doméstico en A Serralleira; amo de casa 40 pesetas (¡).


Bares: Comida sana y económica en A Serralleira. Consulte los horarios de los bares abiertos.


Electrónica: Accesorios, consolas, videojuegos en A Serralleira. Vea lo último en electrónica.


Maxia amorosa: Consiga vela mágica unión de parejas en A Serralleira para conjuro de amor.


Venta de viño: Venta de vinos en A Serralleira; cosecha propia (cando que, na realidade, ¡nin sequera unha cepa en toda a contorna!).


Aeroportos: Aeropuertos de A Serralleira; consulte horarios y destinos nacionales e internacionales.


Ofertas noutros idiomas: Fly till to A Serralleira Fliegen Sie nach. Envolez vous vers A Serralleira. Vliegen naar Luchthaven in de buurt van A Serralleira. (E varios idiomas máis, irreproducibles aquí).


Breve resume, o anterior, dos milleiros de 'páxinas' de Google que fan referencia ao pobo da Serralleira, ás súas ofertas e aos seus misterios.

Te puede interesar