Opinión

ALERTA

Escribo esta columna o día no que se cumpre unha semana do acto de clausura dos xogos olímpicos de Londres. Auga pasada, pois. Pero, de momento, queda vivo no recordo a espectacularidade dunha cerimonia na que sobresaíu a intervención de destacadas figuras do pop e rock británicos, co engadido de imaxes e interpretacións de cantantes que xa se foron. Con música de alta calidade por parte de todos eles. Agora ben, sen restarlles méritos a tal acontecemento, cabería preguntarse pola auténtica finalidade de festa tan celebrada. Estando presentes no estadio un gran número de atletas que participaran nos xogos, toda aquela cerimonia, con todas as actuacións, deberan estar enfocadas de maneira prioritaria a homenaxear aos verdadeiros protagonistas da noite que, para ocasión, non eran outros que os atletas. Deberan estar. Pero, na realidade, ¿ocorreu así? Ao meu entender, penso que non, e máis ben me pareceu que, aproveitando a audiencia millonaria do acto, os organizadores programaran o festexo para maior gloria dos seus cantantes, dos seus bailaríns, das súas modelos, dos seus humoristas e, en definitiva, de todo o seu. E así o entendeu a propia prensa do país. The Times: 'A clausura dos xogos, a mellor festa na historia do mundo'. The Guardian: 'O espectáculo, ¿non foi divertido?; ¿non somos xeniais?'. The Sun: 'Brillante cerimonia que marabillou a todos'. Financial Times: 'Expresión do talento británico'. Ata aquí, os titulares da prensa do Reino Unido.


En tanto, qué fora dos atletas en noite tan gabada? Polo que se viu na televisión, foron precisamente os atletas os grandes esquecidos da noite. A honra que se lles tributou ó longo de tres horas que durou o festexo quedou reducida a media ducia de instantáneas ridículas nas que mostraba a algúns triunfadores mordendo nos seus trofeos.


Formato de clausura que, sen ser totalmente novo, acadou aquí a súa máxima expresión. Fórmula que talvez teña continuidade en Río. E na probable olimpíada de Madrid. Certo que Madrid non contará con figuras como Ray Davies, George Michael, Lennon, Freddy Mercuri, Annie Lennox... Mais, non importa. Xa que aí estarán os bisbales, ramoncines, bustamantes, pantojas e outros espécimes similares movendo influencias para a súa consagración sideral. Alerta!, polo que pode vir.

Te puede interesar