Opinión

ANNE

Asemana pasada, durante tres días, a famosa medium británica Miss Anne Germain, instalou o seu negocio na cidade da Coruña. O que, previo pago de 90 euros, lles deu oportunidade aos coruñeses de asistir a funcións nas que a espiritista vai dando conta das conversas que mantén en directo con persoas defuntas, familiares dalgúns dos devotos presentes na sala. 'Tamén me contou o teu pai -remata Miss Anne dirixíndose a un home entrado en anos- que a todas horas se acorda de ti, e que che perdoa aquilo que ti sabes'. Palabras que de inmediato desencadearon no pobre vello un pranto desgarrador, ao tempo que puxeron bágoas de emoción no rostro de todos os asistentes. Pois a min, máis alá do que haxa de verdade ou mentira nas artes desta señora (que eu nestas cuestións non entro), vénseme á cabeza unha idea que non quixese pasar por alto. O custe da entrada para asistir ó espectáculo (15.000 pesetas) paréceme a min un abuso; máxime, de facer caso as palabras da propia mediadora: 'Son os espíritos os que veñen a min; eu limítome a escoitalos'. Ou sexa que, nin ciencia nin esforzo. ¿Cales os seus méritos para tanta ganancia?


En calquera caso, tampouco é ela a única persoa dotada da capacidade de poder falar cos mortos. Moi comentada foi daquela a confesión que fixera un individuo pouco antes de morrer, e que viña pór en claro unha dúbida que consumía ós seus veciños. Cómo, se preguntaban, sempre acerta no tempo de sementar e no da colleita, no día de comprar, no día de vender, e na mellor lúa para matar o cocho. 'Tódalas noites se me aparecía a ánima do meu pai para dicirme o que máis me conviña'.


Pensándoo ben, e xa que andamos en comicios, quén sabe se, nesta, non sería bo que Miss Anne Germain se achegase de novo por aquí en canto se coñezan os resultados. A dialogar cos espíritos dos cadáveres que van deixar estas eleccións (cadáveres políticos, se entende). Que, en sesión extraordinaria, lles fose preguntando a cada un deses espíritos polas causas do seu deceso, polas traizóns dos seus achegados e polos peores momentos da súa agonía. Penso que sería unha sesión de moito interese. Que, aparte o fin sinalado, incluso nos reconciliaría coa dama inglesa. Pero, iso si, sempre que faga unha rebaixa moi sensible nas súas tarifas.

Te puede interesar