Opinión

BRUXOS

Vai uns días transcendeu a noticia de que un bruxo de apegota, que se anunciaba como Vidente Cisse nº1, lle alpindara máis de 16.000 euros a un pontevedrés que acudira a el para conquistar o corazón dunha moza que o tiña nun sen vivir. (Mal negocio o do pontevedrés. Xa que, ao final, nin conseguira namorar á moza nin recuperar un só euro dos miles e miles que levaba entregado.)


Un farsante, un estafador, ese Cisse nº1. Nada comparable con aquel outro Bruxo de Pena, de mediados do século pasado, que tan bo recordo deixou nas terras da Limia, e ó que aínda hoxe, xentes daquel tempo, seguen a botar de menos.


Polo que fun recollendo da súa historia, o Bruxo de Pena atíñase a unhas pautas de actuación que empregaba con todos os doentes. O demandante de cura debería ir acompañado doutra persoa (nin unha máis, nin unha menos). O seu recibimento era sempre o mesmo: 'Sei que polo camiño viñestes falando de min. Por un lado, coa esperanza de que poida curar ao enfermo. Por outro, non moi convencidos de que o poida curar. ¡Malo sería que a desconfianza puidese coa esperanza! Outra cousa. Eu non fago milagres, que para milagres xa están os santos do Ceo. Nin tampouco son médico para facer operacións no corpo do enfermo. Que vos quede isto moi claro dende o primeiro día. Agora, decídeme qué vos trae aquí'. Momento no que o enfermo, ou acompañante, ía dando conta do inicio do mal, do seu desenvolvemento e das súas manifestacións. Chegados a este punto, o bruxo prendía unha candea, e coa vista fixa na chama, entraba en meditación. Pasados uns minutos, facíalles entrega das herbas, apócemas e ungüentos que correspondesen, ao tempo que lles ía explicando a súa maneira de administralos. '¿Cánto lle debemos?', preguntáballe os visitantes. Tamén, aquí, a resposta era sempre a mesma: 'Deber, non me deben nada. E se queren deixarme unha axuda, que sexa a que vostedes teñan a ben'. Ninguén chegaba coas mans valeiras, fose diñeiro ou fose en especie. Pero, iso si, por moito que lle porfiasen, tan só aceptaba donativos modestos.


Non sei eu que efectos poderían ter as 'menciñas' que lles subministraba o bruxo. Pero, polo que se comentaba entón, todos saían de alí moito máis reconfortados do que entraran.

Te puede interesar