Opinión

CAENDO

Foi no ano 2008 cando o Instituto Galego de Estatística realizou a última gran enquisa sobre o coñecemento e uso do idioma galego. Traballo moi serio, con recollida de datos en distintos ámbitos sociais, e que, pola súa extensión, non resultaría posible abordar aquí, nin sequera como resume. Quedándonos, nesta ocasión, tan só cun dato: no ano 2008, no que se realizou a enquisa, un 29,96% das persoas que vivían na nosa Comunidade tiñan ao galego como lingua habitual. Porcentaxe que marcaba unha tendencia preocupante en relación cos resultados da enquisa anterior (realizada polo mesmo Instituto no ano 2003), onde a porcentaxe de falantes habituais en lingua galega alcanzaba a cifra do 42,98%. Ou o que é mesmo: en tan só un quinquenio, o número de falantes habituais do idioma galego experimentara unha caída do 13%.


¿E dende o ano 2008 ata hoxe, que? Carecemos de datos. Pero nada fai pensar que as cousa teñan ido a mellor, máis ben todo o contrario. Neste medio tempo, entrou en vigor (ano 2010) o denominado 'Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia', con repercusións nada positivas para a consolidación do noso idioma. Decreto ao que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle anulou dous dos seus puntos básicos por non axustarse ao establecido na Lei de Normalización Lingüística. Así as cousas, non resulta nada aventurado asegurar que na actualidade apenas pase dun 20% o número de persoas da nosa Comunidade que habitualmente empreguen o idioma galego. ¿E no próximo quinquenio? ¿E no seguinte? A non tardar, chegará o momento en que todo esforzo por manter a lingua galega con vida, será esforzo inútil. E por moito que o lamenten tanto os galegofalantes como ?si, si a maioría dos que para entón se expresen en castelán.


Pero, pola contra, momento de grandes celebracións para os que viñesen pondo todo o seu empeño en acabar co idioma galego (que non serán moitos, pese ó seu barullo, pero si moi influentes). Celebracións gozosas con berros de triunfo, discursos acendidos e himnos de vitoria. E coas argalladas, burlas, infamias, aldraxes e mentiras de sempre. Sesión que rematará coa imposición de medallas de honra a todos aqueles que, 'a lo bruto' ou 'a lo fino', tivesen despregado unha maior actividade nos seus ataques ao idioma galego.


Te puede interesar