Opinión

CASOS

Primeira parte. Raro é o día no que non apareza un novo caso de corrupción politico-social. Tantos os implicados, tantas as alladas, tantas as reviravoltas que, confundidos, xa nin sequera sabemos ónde empeza un e ónde acaba o outro; como se, no fondo, case todos eles estivesen ligados . Certo que hai uns poucos casos (Gürtel, Palma Arena, Malaya, Brugal, Campeón, Nóos, Orquesta, Palau, EREs), que por saír a diario nos medios, vamos sabendo algo máis deles. E logo están eses outros dos que, guiados polo seu nome, lles damos algún sentido: Cloaca, negocio moi sucio; Funeraria, cando os mortos tamén contan; Góndola, diñeiro para para todos; Guateque, festas a embute cos seus complementos; Pícnic, trama xestada en merenda; Carioca, maquinación badoca; Minas, toda cautela é pouca; Minuta, cantidades a concretar entre gamba e gamba. Agora ben, a non ser para persoas versadas no tema, para o resto de cidadáns ¿que se esconde detrás destes nomes?: Ibatur, Voltor, Astapa, Andratx, Pallerols, Faycan, Adigsa, Muralla, Margüello, Umbra, Astaspa, Torrevieja, Domenge, Arcos, Marea, Eivisa, Teresitas, Mercasevilla, Maquillaje, Scala, Pretoria, Naturgalia, Alcaucín, Naos, Halhaurín, Morelábor, Emarsa... ¿Que se esconde? Ante situación tan confusa, talvez resultase oportuno arbitrar algunha fórmula que, a efectos informativos, puxese algo máis claro todo o relacionado co mundo da corrupción. Empezando por titular cada caso con palabras que garden relación directa co asunto que cada cal trate.


Segunda parte. Entrando en materia. De aplicar o 'número de casos de corrupción' como criterio válido para medir o grao de saúde desta sociedade nosa, deberíamos concluír ?non valen enganos- que estamos a formar parte dunha sociedade gravemente enferma. E sendo un mal (o da corrupción) que parece ir en aumento, algo haberá que facer para acabar con tanta tropelía. No artigo 9º da Convención das Nacións Unidas contra a corrupción (ano 2003), sinálase o seguinte: 'Cada Estado adoptará as medidas necesarias para establecer sistemas apropiados de contratación pública, baseados na transparencia, na competencia e criterios obxectivos de adopción de decisións que sexan eficaces para previr a corrupción'. Pois a ver cando, dunha vez, o acordo das Nacións Unidas comeza a tomarse moi en serio por aquí.


Te puede interesar