Opinión

Choivas

Nunca, que eu recorde, a provincia de Ourense estivera tan presente nas distintas cadeas de televisión. Raro o día no que non aparezan en pantalla imaxes e comentarios de desbordamentos dos nosos ríos, do estado de alerta no que se encontran os encoros da provincia, das cheas que anegan pobos, terreos, camiños; e outras desgrazas.

¿Qué español non ten oído estes días os  nomes de Velle, Oira, Outariz, A Chavasqueira, Albarellos, Baños de Molgas, Oímbra, Vilaza? E, por suposto, ¿quen non viu imaxes ou non oíu falar das calamitosas consecuencias que está a levar consigo o anegamento das terras da Limia?


Moitas veces se leva dito que, de cando en cando, a chaira antelá (antiga lagoa) aproveita a conxuntura de  choivas copiosas para recordarlle ó mundo que ese é terreo da súa pertenza. Cunhas orixes nas que non coinciden a lenda coa historia. Pois mentres a historia, e a ciencia, nos falan de movementos de placas tectónicas na era Cenozoica, a lenda atribúe a súa orixe a castigo divino da Antioquía verdadeira por ter idolatrado a un galo de poleiro. Discrepancia na determinación da súa orixe, pero coincidencia case total no tocante a datas, causas e responsables da súa “desecación”.


Non sabería eu precisar a idade (¿cinco, seis, sete anos?) na que por primeira vez vin a Lagoa de Antela. Pero si recordo aquelas vairas inmensas que se estendían a un lado e a outro da estrada. Si recordo que me tremían os dentes (non sei se de frío ou de medo por ser a primeira vez que montaba nun coche).  E, finalmente, si recordo que era o día de San Blas (festa en Viladerrei) e me deran a escoller entre quedar na festa ou, en compañía da miña nai,  ir na camioneta do Caravillas ata Piñeira de Arcos para recoller uns sacos de fariña.


Pero volvendo ó caso das choivas, habería que ir moitos anos atrás para dar cunha situación parecida á que este inverno están a sufrir cultivos e bens desa vasta superficie que en tempos foi lagoa. Miles de hectáreas de labranza asolagadas; baixos de casas, garaxes, granxas e almacéns, inundados. Estradas, pistas e camiños estragados. Que ata con repercusións  graves en  centros de ensino. Sendo o máis afectado de todos, precisamente, o que leva por nome “Lagoa de Antela”, ao que nunca un nome lle podería cadrar mellor.

Te puede interesar