Opinión

CHUVIA

Pois, polos datos que figuran na web de Meteogalicia, resulta que o pasado mes de marzo foi un dos 'marzos' máis chuviosos na nosa Comunidade dende que existen rexistros de precipitacións. Con cifras, por estacións meteorolóxicas, como as que seguen: Fornelos de Montes, 631 litros; Xestais, Cuntis, 527; Coto Miño, Zas: 503, Muralla, Lousame, 499. En canto á provincia de Ourense: Invernadoiro, 453; Entrimo, 390; Amiudal-Avión, 310; Ourense-Capital, 190 litros.


Cifras reveladoras dun tempo atmosférico que está a vir realmente desatado, e non só en Galicia, que no conxunto de España está a ocorrer algo moi parecido. Segundo a Agencia Estatal de Meteorología, marzo do 2013 foi o mes máis chuvioso dende que no ano 1947 comezaron a rexistrase datos de precipitacións. E tempo que continúa case nas mesmas nos primeiros días de abril. Con encoros rebordando, ríos desmandados e terras e casas asolagadas por todas partes. Aínda que polo que nos anuncia Meteogalicia, cando isto escribo (día 7 de marzo, domingo) 'Cara ó fin de semana irá predominando a influencia das altas presións, diminuíndo a probabilidade de chuvia e con temperaturas en claro ascenso'. E se a Axencia Galega de Meteoroloxía nos anuncia que as chuvias (nun prazo dunha semana, no que esta axencia se move) tenderán a remitir, é case seguro que así ocorrerá, xa que Meteogalicia raramente falla nos seus prognósticos. Tranquilidade, pois. Cando menos, por un tempo. ¿E o resto da primavera, que? Habería que recorrer a axencias meteorolóxicas con modelos máis sofisticados para obter algunha resposta; por máis que, segundo os entendidos na materia, os seus prognósticos limítanse, xeralmente, a formular estimacións (máis, menos, igual) en relación coa media histórica do fenómeno atmosférico correspondente: temperaturas, chuvias, ventos... E sen que caprichos do voluble e insensible tempo atmosférico a súa fiabilidade estea garantida. Co que, de momento, para prognósticos a longo prazo, non nos queda outra saída que apelar ao xa centenario Calendario Zaragozano. Que os máis bromistas encadran dentro do xénero da literatura graciosa, pero que outros, pola contra, toman como algo moi serio. En fin, cada quen coa súa opinión. E para todos, un respecto.

Te puede interesar