Opinión

CONSIDERACIÓNS

Dado que hoxe (cando isto escribo, 17 de maio) é o Día das Letras Galegas, vou aproveitar para realizar aquí un par de consideracións en torno ó idioma galego.


Distintos estudos veñen constatando un descenso paulatino do emprego do galego na fala habitual, sobre todo nas persoas de menor idade. Perda imparable de falantes, por un lado, e, talvez, unha maior animadversión cara á lingua galega, por outro. O daquela moza do concurso Gran Hermano, aínda que quedase en simple anécdota, resulta bastante sintomático. Confesáralle a unha compañeira: 'Mis abuelos hablan mucho, y hablan gallego'. 'El primer estímulo que te produce escuchar a una persona joven hablando gallego es negativo'. 'El chico era guapo, pero al oírlo hablar en gallego me dio el bajón'. Analizando a súa historia persoal, quizais puidera darse coas razóns que expliquen o desprezo da moza polo idioma dos seus avós. Pero, en cuestións de idioma, algo máis profundo, e máis común, debe haber nesta nosa sociedade para que outras xentes galegas pensen tamén así.


O Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 5º que a lingua propia de Galicia é o galego, e que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia. Enunciado simple. Agora o caso concreto. Nunha das páxinas dun libro de 5º de Educación Primaria da editorial Vicens Vives figura textualmente: 'A Constitución establece o castelán como lingua oficial do conxunto do Estado, xunto con outras linguas oficiais nas súas autonomías'. E noutra páxina, dese mesmo libro, recóllese o seguinte: 'A lingua propia de Galicia é o galego'. Queda pois claro, no libro de referencia, que a lingua propia de Galicia é o galego, e que na nosa comunidade son oficiais tanto o galego como o castelán. Pois ben, un cidadán de Vigo presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo por considerar que o tal libro dá a entender (¡) que a única lingua oficial de Galicia é a galega. Talvez por confundir 'lingua oficial' con 'lingua propia', ou por non ter lido o libro na súa totalidade. Reclamación que sería admitida para estudo polo Valedor. Que, logo, en resolución dirixida á Consellería de Educación, comunicou que 'se adopten as medidas oportunas para que non se utilice o libro de texto citado, en tanto o seu contido non sexa corrixido no sentido xa comentado'.


Te puede interesar