Opinión

CUBA

Unha vez máis resultou falso o novo rumor sobre a morte do Comandante Fidel.


Fora nunha mañá de verán do 1917 cando meu pai, que acababa de cumprir 18 anos, emprendeu viaxe á illa de Cuba, logo de telo reclamado uns parentes nosos que vivían na cidade de Matanzas. Que o albergaron na súa casa e lle deron emprego nunha pequena empresa metalúrxica da que eran propietarios. Puidera dicirse que nunca un emigrante tivera mellor acollida. Un emprego que lle pracía, unha retribución xenerosa e un trato cordial, fixeron que meu pai se sentise feliz dende o mesmo día da súa chegada. Mais, cando levaba seis anos alí, e por cuestións que non veñen ó caso, tivo que regresar a Galicia. Coa intención de volver pronto a Cuba. Pronto. Pero cambiaran as circunstancias. E non puido ser.


Non volvería a Cuba nunca máis. Pero o país caribeño deixara nel unha marca, un apego, que se iría incrementando co paso dos anos. Raro o día que non contase algo de Matanzas, da súa beleza, das súas costumes, do seu propio traballo, das súas amizades. Cuba, país idolatrado, co que, pese a distancia, nunca perdería contacto. Nos primeiros tempos a través das cartas que lle chegaban dos parentes. Ás que máis tarde se lles unirían as informacións que, sobre Cuba, lía no xornal La Región ou escoitaba na radio. E así foi sabendo, á parte doutras novas, da maneira de gobernar de Fulgencio Batista; das súas babecadas, da corrupción do seu goberno e da miseria na que estaba sumindo ao país. Por iso meu pai saudou con ilusión o triunfo de Fidel Castro. '¡Xa era hora!' Mais, entusiasmo que pronto se esfumaría en canto lle chegaron noticias das duras represalias de Fidel, moitas delas tinguidas de sangue. E desencanto que daría en abominación cando os nosos achegados lle comunicaron por carta que as xentes do ditador lles confiscaran a empresa. De aí a obsesión do meu pai por velo fóra do poder.


Durante dez anos, e ata a súa morte (1969), mantivo viva a esperanza de que os propios cubanos conseguirían derribalo. E así, cada mañá, cando lle entregabamos La Región, sempre preguntaba, '¿caeu ou non caeu?'. Coitado. Mal podía sospeitar que, despois de medio século e de tantos rumores de morte, Fidel continuaría a ser unha das persoas máis influentes no goberno da illa.

Te puede interesar