Opinión

DESANDANDO

Segundo un recente informe da Organización Mundial da Saúde (e do que se fixo eco este xornal a semana pasada), as medidas de control do consumo de tabaco postas en marcha entre o 2007 e o 2010 por 41 países, evitarán, segundo as súas estimacións, 7,4 millóns de mortes prematuras en torno ao ano 2050. Por outra parte, e sen facer estimación de cifras sobre mortes evitables, si ofrecen datos de gran interese relativas ao consumo de tabaco senllos informes publicados en España no ano 2012 polo Comité Nacional de Prevención del Tabaquismo e pola Sociedad Española de Neumología. Polo que respecta ao primeiro dos informes, considera o Comité Nacional de Prevención que dende a entrada en vigor da Lei do 2005 'de medidas frente al tabaquismo...' (parcialmente modificada no ano 2010) tense producido a redución dun millón de fumadores. En canto ao segundo (o da Sociedad Española de Neumología), aínda que non é moi optimista respecto á diminución do número de fumadores, si aprecia unha considerable mellora no denominado tabaquismo pasivo (pasando do 38% ao 21%), dende a entrada en vigor das referidas normas legais.


En todo caso, sexa pola diminución do número de fumadores, sexa pola redución do tabaquismo pasivo, son medidas (as recollidas nas citadas leis) que veñen demostrando efectos moi positivos. E que xa case ninguén cuestiona. Mais de pronto, nun relustrar de vivísimas colores, vai e asoma polo horizonte das terras de Madrid a Eurovegas da felicidade. Ofrecendo millóns e millóns de dólares para o noso país a cambio de pequenas cousas e da liberdade de fume nas súas instalacións.¿Cómo vamos a perder una ocasión de oro por la tontería de unos cuantos cigarrillos, más o menos? Ja, ja, ja. E conseguirán o permiso. Seguro.


Pero claro, en canto se autorice a fumeta nos casinos de Eurovegas, tódolos casinos de España, tódolos bingos, tódalas casas de xogo (de diñeiro, se entende), e tódolos cafés e bares nos que se practique o 'subastado' ou as 'sete e media', pedirán exactamente o mesmo. E haberá que concederllo. Póucalas gracias. Momento no que quedarán sen efecto, no referido a España, os prognósticos da OMS e os alentadores datos da Sociedad Española de Neumología e do Comité Nacional de Prevención del Tabaquismo.

Te puede interesar