Opinión

DESCOLOQUE

Dende vai xa moitos anos, e así o teño recoñecido en máis dunha ocasión nesta mesma columna, veño sendo oínte asiduo das tertulias radiofónicas. Un hábito que co paso do tempo, lonxe de afrouxar, se viu incrementado polo seguimento de todo debate na televisión. De momento, parei aí, e por máis que as redes socias e foros de internet me sigan tentando cada vez con maior insistencia. Caso clínico, o meu.


Por esa miña longa experiencia de oínte, ata hai ben pouco tíñalles bastante ben collido o punto (en canto á súa liña ideolóxica) ás distintas emisoras e cadeas do país; e aínda as intervencións dos tertulianos (sparrings, incluídos) me resultaban predicibles. Todo, con raras excepcións, se axustaba ao guión fixado pola 'casa' respectiva, tanto en contidos como en modos. Mais de pronto, e como se alguén dese a orde de xogar ás apegotas, todo aquel esquema se desbaratou dun día para outro. E os antes máis ardorosos defensores do actual goberno, eran os que, de repente, con máis saña o atacaban. Tanto ao presidente como aos seus ministros, un por un. E así, aqueles que a diario enxalzaban ao goberno pola súa preparación, entrega, honradez, seriedade, firmeza..., non vían agora máis que incapacidade, desorientación e indolencia. Iso o primeiro día, que en días sucesivos (ao menos, cando isto escribo) pasaron a pedir abertamente a dimisión do presidente e, xa embalados, facer proposta de 'personaxes do recorte extremo' para ocupar o seu asento.


Mentres tanto, ¿que está a ocorrer cos tertulianos de emisoras e cadeas que ata agora viñan sendo críticas co goberno? Pois, sumidos en enorme confusión, non teñen nada claro por ónde tirar. Entenden algúns que, de persistir cos seus ataques ao goberno, estarán dando apoio, sen pretendelo, aos iluminados que apostan por personaxes dos tales recortes. Pero claro, pregúntanse outros cómo sendo oposición vamos cantar agora as glorias do goberno do señor Rajoy. Situación de desconcerto que moitos tertulianos aproveitan, en escenario que nin que buscado, para atacar a personaxes do partido das súas preferencias, e cos que tiñan pendente algún axuste de contas. ¿En que quedará todo isto?


Sería de agradecer que politólogos versados en cuestións convulsas nos desen algo de luz para ir facéndonos á idea do que pode vir.

Te puede interesar