Opinión

DESCONCERTO

Nisto da crise económica, son tantos os intereses a defender, tantas as responsabilidades a eludir, tantas as ocorrencias, tantas as explicacións, que, cando menos para min, todo se me volve cada día máis confuso. Confusión na determinación de causas, responsables, consecuencias e posibles solucións.


Vaimos, en primeiro lugar, coas causas do mal. Lévanse sinalado moitas. Quebra do sistema financeiro internacional, con especial incidencia en España. Sector inmobiliario fora de control. Irresponsabilidade das entidades bancarias. Lexislación laboral inadecuada. Industria desfasada. Vivir por encima das nosas posibilidades económicas. Desbarate. Corrupción masiva (Gürtel, Palma Arena, Malaya, Brugal, Campeón, Nós, Orquesta, Palau, EREs, ...)


Responsables do desastre. Aquí é onde se dan as maiores discrepancias. Os do goberno anterior culpan ós do goberno actual; en tanto, os do goberno actual, culpan ós do goberno anterior. E algo parecido ocorre, ao seu nivel, cos concellos e comunidades autónomas. Culpas para o sindicatos e para a patronal, traballadores e empresarios. Culpas para os directivos das entidades bancarias, en maior medida, os das caixas de aforros. Culpas para o Banco de España, o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional. Culpas para a Comunidade Europea (especialmente, Alemaña, e a señora Merkel, en particular).


Consecuencias. Neste apartado, bastante unanimidade. Recesión, cerre de empresas, paro, xuventude sen futuro, desahucios, deterioro dos servizos sociais, desesperación, fame, miseria...


Propostas para saír da crise. Moi diversas, incluso, radicalmente enfrontadas. Rescate si, pero non. Rescate non, pero si. Eurobonos si, pero a cambio da cesión da autonomía orzamentaria ao 'goberno europeo'. Nacionalización das caixas. Concesión de créditos ás empresas. Reducir o déficit público. Incrementar o consumo. Subir o IVA. Baixar o IVA. Fomentar a creación de emprego. Reforma da lexislación laboral. Maior garantía dos dereitos dos traballadores. Recorte de poder das autonomías. Traballar máis, pagar menos, despido libre, retrasar a idade de xubilación, adiantar a idade de xubilación, recorte no sistema de pensións, recortes sociais, recortes en sanidade, recortes en educación... Axustes, en fin, e moito desconcerto.

Te puede interesar