Opinión

DÍAS SOTREÑOS

Alguén me ten reprochado, de boas maneiras, que nos meus artigos veña empregando expresións e vocábulos que el non encontra nin nos dicionarios de lingua galega nin nos de lingua castelá. Efectivamente, non di mentira o comunicante no seu aviso xa que, en máis dunha ocasión, teño incluído palabras que non figuran, quizais nunca figuraron, nos dicionarios das reais academias da lingua. Palabras, por outra parte, de uso moi corrente nos anos que eu vivín en Viladerrei, o meu pobo de nacenza. Véñenseme agora á memoria palabras como bolsar (co significado de rebordar), abarbinar (moi relacionada coa anterior, no sentido de 'estar a punto de' desbordarse), alpindar (roubar con maña), endeñar (enredar cun obxecto con perigo de estragalo). Vai uns días recibimos na casa a visita dunha persoa amiga que, nada máis entrar e logo dos primeiros saúdos, soltou con fastío ¡Que día máis sotreño está hoxe! Como nós lle pediramos aclaración sobre a palabra sotreño, díxenos que no seu pobo (do concello de Carballeda de Avia) falaban de sotreño cando o día viña escuro, triste. Pois tampouco esta palabra aparece recollida nos dicionarios oficiais. Sendo así, cántas palabras permanecerán acantonadas (talvez a punto de desaparecer) nas distintas comarcas de Galicia, e sen que ningunha real academia se ocupe delas.


Nos fins de semana, e dende hai xa moitos anos, Radio Nacional de España ven transmitindo o programa No es un día cualquiera dirixido e presentado pola periodista Pepa Fernández (que aínda que non veña moi a conto, con raíces en Ourense). Pois ben, no citado programa inclúense, entre outros contidos, unha sección dedicada a palabras que lles din moribundas, nun tempo de uso común, e que hoxe en día case ninguén coñece. Palabras que o persoal do programa intenta rehabilitar coa colaboración dos oíntes.Tarefa nada fácil a súa. E moito máis difícil, aínda, no caso do idioma galego. Xa que aquí non só se trata de rehabilitar palabras en desuso; que habería que empezar pola incorporación ó dicionario de termos que hoxe están fora del. Empresa complicada. Pero algo habería que facer. Aínda que, polos anos de vida que lles auguran ó noso idioma, non sei se pagará a pena tanto esforzo.

Te puede interesar