Opinión

ECLOSIÓN

Non é a primeira vez que me ocupo nesta columna do emprego abusivo das 'frases feitas'. Cuestión que teño abordado noutras ocasións, e sempre coincidindo con campaña electoral, que é cando máis proliferan este tipo de frases. Si. En canto se entra en tempo de comicios(¡), desátase entre os distintos grupos políticos unha feroz pugna por ver quen consegue o slogan máis rompedor, que logo esgrimirán en tódolos actos de campaña . Cada cal, co seu slogan, aínda non desbotan apropiarse dos dos seus contrincantes se ven que lles poden resultar. Así, por traer uns exemplos: 'Comprometémonos a pór en valor...'. 'Buscaremos acordos para remar todos na mesma dirección'. 'Dende aquí, podo prometer e prometo...'. E a frase estrela, a máis repetida de todas: 'Tolerancia cero coa corrupción'. ¡Tolerancia cero coa corrupción!, berraban desaforados todos eles, xesto crispado e zapatazo no chan, mesmamente coma se falasen en serio.


O anterior, en campaña electoral. Pero, fóra de campaña, qué. Pois ata vai cuestión dun ou dous meses, todo bastante tranquilo. Certo que, sen ser novas, hai dúas frases que veñen pisando forte. En España ya no cabe un tonto más; simpleza que sacan a diario os máis afamados tertulianos de radio e televisión do país (iso si, sen aclarar, en que lado se encontra cada un deles). Tamén está a gozar de considerable aceptación Con la que está cayendo, maiormente en días de chuvia como estes. E pouco máis. En fin, como lles dicía, todo bastante tranquilo.


Pero de repente, e sen que o esperase ninguén, irrupción copiosa de frases para todos os gustos e aplicacións. Que as hai circenses, marítimas, brutais, descalabrantes, xusticeiras, tremerentes. Te digo que se está columpiando sobre el asunto. Cada palo que aguante su vela. Pongo la mano en el fuego por él/ella. Llegaremos hasta el final, caiga quien caiga. El que las hace, las paga. No me temblará el brazo/pulso ... E outras polo estilo.


E digo eu, estando a situación como está, para qué tanta metáfora. ¿Por que non falar claro de persoas concretas, dos manexos turbios nos que está envoltas e, en cada caso, das medidas a tomar? Malo sería que, con tanto rodeo, ao final, todo quedase en nada. Que tamén pode ser.

Te puede interesar