Opinión

EDUCACIÓN

Que o sistema escolar español non é perfecto? Por suposto que non. ¿Que é susceptible de melloras? Por suposto que si, e non vale negalo. Pero tampouco negar uns logros que, non vai tanto tempo, parecían inimaxinables. ¿Que os datos do Informe PISA non son satisfactorios? O programa PISA, moi cuestionado por xente entendida, non está a considerar os esforzos de integración que se veñen realizando no noso país, calquera que sexa a capacidade do alumno ou o seu lugar de procedencia. ¿Que os alumnos saen con formación moi escasa ao rematar os seus estudos? Pola información da que dispoño, a preparación da maioría da xente nova que se incorpora a un posto de traballo, sexa aquí ou no estranxeiro, en nada se corresponde con tan arbitraria descualificación.


Nos últimos tempos vense pregoando dende certos sectores, a través de distintos medios, e cada vez con maior insistencia, o fracaso total do noso sistema escolar. Un fracaso que, segundo eles, está a agravar a crise económica, a incrementar as taxas de paro e a alimentar o desprestixio de España, aparte outras maldades e corrupcións. Polo cal, propoñen, esixen, pór ao actual sistema 'patas arriba', para ser substituído por outro completamente novo, e salvador.


Non sei se facéndolle caso ou non, o certo é que na actualidade o goberno do PP está a tramitar a promulgación dunha nova lei de ensino. Nestes momentos, e previo á súa remisión ao Parlamento, no trámite de consultas. Chegados a este punto, e aínda que nada máis sexa como formulación dun desexo pola miña parte, bo sería que o partido do goberno puxese sordina ás voces catastrofistas, ás que antes aludía, e que tomase en serio as suxestións dos órganos consultivos e ás críticas que poida recibir durante o debate, de maneira especial ás que fagan referencia a recorte de dereitos, discriminación do alumnado, infravaloración de certas ensinanzas e posible concesión de privilexios dubidosos.


Agora ben, seguindo un vello costume, o máis probable é que nos trámites de consulta e debate tan só se admitan modificacións, de matiz, en cuestións menores. Resultando inimaxinable, polo que se leva oído ata agora, un pacto de Estado nesta materia. O que dará pé para que no futuro outros gobernos volvan obrar de igual maneira.

Te puede interesar