Opinión

ENGADO

Engado (en castelán, señuelo): aquilo que atrae e seduce a unha persoa por medio dunha falacia. Mais, ¿a conta de que tal precisión terminolóxica?


Nos últimos días, e coincidindo co inicio da campaña de renda 2013, estase a falar moito dos cambios introducidos na declaración en curso; uns cambios que no seu momento (decembro do 2012) pasaron case desapercibidos. Estou a referirme a Ley 16/2012, de 27 de diciembre, por la que se adoptan diversas medidas tributarias na que, entre outras cuestións, se contempla a posibilidade de compensar perdas con ganancias (ou ganancias con perdas, segundo cómo se mire) en bingos, casinos e demais casas de xogo. Novidade que está a producir un gran desconcerto. E a xente pregúntase escandalizada, cómo pode ser posible, na situación en que vivimos, que se beneficie a xogadores de diñeiro (e, indirectamente, ás casas de apostas) mentres se lles retiran axudas a persoas que o están pasando moi mal. E contéstanlle que é o único modo de compensar, dalgunha maneira , as perdas sufridas durante un ano por xogadores con mala fortuna. ¿Non será, pregúntanse outros, como unha forma máis de lavar cartos de individuos con diñeiro en negro? Ao que alguén responde irado que esas son infamias de xente malpensada. Hai quen pregunta: ¿quén garante a verdade desas perdas á hora de compensalas con ganancias? E ninguén dá resposta. Tamén preguntan o porqué desa discriminación cos apostantes doutras loterías e quinielas (para os que non se contempla ningunha compensación) . Tampouco hai resposta. Xa como consideración persoal, paréceme a min que iso das supostas vantaxes non son máis que engados (señuelos) para gañar novos clientes, clientes que, nalgúns casos, quedarán amarrados talvez para sempre ás terribles ataduras da ludopatía.


Recordo agora aquela película de Sydnei Pollack que titularan en castelán 'Danzad danzad malditos'. Na época da Gran Depresión americana, a alguén se lle deu por organizar un maratón de baile, con premio cuantioso para a parella que resistise máis tempo bailando. Que era o mesmo que dicir, bailar bailar, ata rebentar. E que, no noso caso, ben puidese quedar así: ¡Apostade apostade benditos, que, antes ou despois, a vosa tenacidade se verá recompensada de maneira xenerosa.

Te puede interesar