Opinión

ENLEANDO

Dende vai un tempo, raro o día no que emisoras de radio, cadeas de televisión ou xornais de toda España, non inclúan nos seus programas e páxinas algunha nova ocorrencia dos políticos deste país. Mesmo como se, de pronto, unha musa enleante se puxese a derramar sobre aqueles un torrente de ideas estrañas, a cada cal máis turbadora. Como así nolo testemuñan as recentes invencións das señoras e señores: Dolores de Cospedal, Miguel A. Cañete, Toni Cantó, Cristóbal Montoro, Artur Mas, Martínez Pujalte, Pedro Castro, Esperanza Aguirre (por citar aos autores máis prolíficos do momento). Unhas creacións que formarán parte xa para sempre do nutridísimo inventario de frases célebres da clase política. Tanto o seu volume (consultar en internet), que se fai imprescindible tomar algunha medida para poder moverse con certa soltura en maraña tan complexa. Empezando, ao meu modo de ver, por clasificar estas frases por categorías. Unhas categorías que virían determinados tanto polo contido da ocorrencia como da súa mensaxe. Para o cal, a maneira de intento, propoño posibles categorías a considerar: Frases disparatadas, hilarantes, ofensivas, estrambóticas, simpáticas, enganosas, babecadas, atinadas, enxeñosas, graciosas, infamantes. No ben entendido de que unha mesma frase pode figurar en distintas categorías, se así procede. Para un mellor comprensión do que aquí quero expoñer, vaimos cun caso práctico. Unha mañá, e en relación coa inmersión lingüística que se está a practicar en Cataluña, o señor Vázquez, exalcalde da Coruña, proclamou engolando a voz: 'No aprecio ninguna diferencia entre un niño judío perseguido por los nazis y un niño castigado (¡) por hablar en castellano'. (¿Ningunha diferenza? Baste recordar que o holocausto nazi acabou coa vida de máis dun millón de nenos xudeus).


Enunciado o caso, vaimos ao encadre da frase do señor Vázquez nas distintas categorías. Desafortunada: si. Disparatada: si. Hilarante: non. Ofensiva: si. Estrambótica: si. Simpática: non. Enganosa: si. Babecada: si. Atinada: non. Enxeñosa: non. Graciosa: non. Infamante: si. Por tanto, como resume, esta frase habería que incluíla en sete das categorías sinaladas; todas elas negativas, por certo.


En fin, esta é a miña proposta. Se resulta ou non, é o que nos queda por ver.

Te puede interesar