Opinión

Espíritus máxicos

Segundo se recolle nos libros que se ocupan da cuestión, o interese por descifrar o oculto ou predicir o futuro é tan antigo como o propio ser humano. Actividade adiviñadora practicada por sumerios, caldeosemitas, exipcios, hindús, celtas, gregos, romanos, maias, e que estaba a cargo de druídas, chamáns, magos, pitonisas, augures, bruxos, astrólogos, videntes.

Ven a conto o anterior porque, vai uns días, alguén meteu no meu buzón unha papeleta na que un vidente anunciaba os seus servizos. Non era a primeira vez que chegaba as miñas mans un papel así, que outros houbera, e non só no buzón do correo, que tamén no parabrisas do coche. Recibira outros, si, pero esta foi a primeira vez que lin con detemento o anuncio no que se me ofrecían solucións a todo tipo de problemas (sentimentais, sexuais, de saúde, económicos, académicos) e garantía de sucesos venturosos (nos xogos de azar, no traballo e no amor).

Comentei o caso cun antigo compañeiro de estudos. Ante a miña estrañeza de que, a estas alturas da historia, sigan existindo videntes, adiviños e bruxos. Enseguida el me atallou dicindo que se estes existen é porque hai demanda dos seus servizos. Engadindo, de seguido, que por moito que avance a medicina, a psiquiatría, a psicoloxía, sempre haberá problemas que escapen a toda resposta científica: “E cando a situación se faga desesperada, os afectados, ó non topar outra saída, amarraranse a un cravo ardendo para curar o seu mal. De aí, a existencia desa plétora de videntes, e similares, que aproveitan tódolos medios para anunciarse: papeletas, xornais, revistas, televisión, internet. Sobre todo en internet. Entra na rede, e verás a cantidade de servizos que ofrecen”.

Oferta variada, por certo. E difícil de resumir aquí. En todo caso, a maioría parten dunha proposta tipo: curar todo tipo de enfermidades, liberar do mal de ollo, recobrar a potencia sexual, superar á depresión, atopar parella, resolver problemas matrimoniais, romper feitizos, encontrar postos de traballo, gañar clientes para o negocio, garantir a sorte en lotería e quinielas; algúns, tamén inclúen aos que en Cuba e Perú lles din “amarres” (encantamento para asegurar que alguén quede sometido á vontade e arbitrio douta persoa). Logo están as especialidade que ofrece cada feiticeiro. Pongo a sus enemigos de rodillas. Tengo los espíritus mágicos más rápidos y poderosos que existen. Desintegro a los demonios del infierno. Hombres y mujeres estarán rendidos a sus pies. Soy un brujo que tengo pactos con el diablo. Soy el único vidente que tiene poder a distancia. Mi tercer ojo puede ver donde otros no ven. Tan solo yo puedo resucitar a los muertos. Finalmente, os que nos alertan da falsidade dos outros colegas: No se deje engañar. Tenga cuidado con los videntes estafadores. Donde otros hablan, nosotros curamos. Ojo con los embaucadores.

Século XXI.

Te puede interesar