Opinión

Etiquetas e suplicios

Habendo asuntos tan serios dos que ocuparme (os tempos non están para lerias) non debera enredarme eu, nestes momentos, en nimiedades de “a peseta”. Por suposto que non. Pero é que xa empezo a estar farto, moi farto, deste escarnio que estou a sufrir dende vai xa moitos anos. Sendo así, ¿por que teño calado ata agora? Pois vou dicilo sen ningún rodeo: por vergonza. Vergonza de comentalo con amigos, con coñecidos, ou mesmo con lectores. Temía, e non sen razón, das risas, das burlas insufribles das que podería ser obxecto. Seguro. Pero, dende hoxe, non estou disposto a calar nin un día máis. Falo dunhas etiquetas especiais que, dende vai un tempo, os modistos (ou quen sexa) están a adherir a blusas, chambras, camisas e camisetas.


Dende vai uns anos vense dicindo que, en cuestión de roupa, cantos máis colgarexos acompañe á peza, peor a súa calidade. Estou a referirme a esas bolsiñas con botóns de reposto, a sobres con fíos de distintas cores, a ballenas tensoras para o colo da camisa, a retallos de tela para posibles remendos, a medallas de adorno, a folletos informativos escritos nunha ducia de idiomas, pero ilexibles todos eles. Isto é o que se ven dicindo dende hai un tempo. E que eu comparto, a medias.


Agora ben, o que non comprendo, nin nunca perdoarei, é esa carga de ensañamento, intencionado ou non, das que eu denominaría etiquetas do suplicio. Que veñen a ser unhas ridículas pestanas dun centímetro cadrado incrustadas no colo da camisa co número da talla. Etiquetiñas dun material estraño, moi lacerante, que actúan a maneira de serra sobre o pescozo da vítima e que fai imposible a súa defensa. Pois, por moito que se recorte, sempre quedarán raíces que seguirán rabuñando. En balde teño estragado camisas no mesmo día da compra por tratar de librarme da maldita etiqueta e das súas raíces. De aquí as miñas queixas, que ben poderían ser as de outros moitos que, por agora, sofren e calan; e que, o mesmo que me acontecía a min, talvez calen por vergonza.


Pero chegou a hora de falar alto e claro. De momento, e por telo sufrido en carne propia os tres, conto co apoio incondicional de Manolo B., de Leticia e de Moncho. Xesto que moito me anima e me da folgos para seguir na protesta.

Te puede interesar