Opinión

FELICIDADE

Tal e como recollía a semana pasada nesta mesma columna, España encóntrase entre os países con maior esperanza de vida ao nacer. Dato gratificante, pois. Pero estando nestas, tan contento, vai e chégame noticia (a través deste xornal) dun informe sobre 'Felicidade 2013' realizado polo Instituto de Opinión Pública Gallup, no que España, sen saír moi mal parada (posto 38, entre 156 países), perde varios postos no índice de felicidade en relación con informes anteriores do propio Instituto. Movido pola curiosidade, entrei no informe.


Nun dos seus capítulos (Felicidade Mundial: tendencias, explicación e distribución) inclúe un ranking por países, podendo apreciar a primeira vista que, no tocante a felicidade, os primeiros postos de táboa están reservados a países moi ricos: Dinamarca, Noruega, Suíza, Holanda, Suecia, Canadá, Finlandia, Austria... E así, en orde decrecente, ata rematar en países de pobreza estrema: Togo, Benin, Burundi, Ruanda,Tanzania. En orde decrecente, dicía, aínda que con algunhas excepcións. Sorprende a situación de Costa Rica e Panamá que ocupan os postos 12 e 15. Como resulta chocante que Luxemburgo e Xapón se vexan 'relegados' aos postos 19 e 43. (Unhas excepcións que son analizadas con detalle no Informe de Gallup, e que por falta de espazo non podemos abordar aquí.)


Á vista do cal (coas excepcións de rigor, coas limitacións dun informe desta natureza, e coa distorsión producida por crenzas e valores), non parece aventurado concluír que a felicidade dun pobo está ligada ao seu nivel de riqueza. Pero, ¡coidado!, a felicidade media do conxunto. Que en cada individuo pode desviarse, nun sentido ou noutro, segundo como lle vaia no seu vivir. E senón que llo pregunten a un feliz C. Ronaldo (dez millóns pts. diarios), por moito que dixese, abrandando o xesto, que na vida hai cousas máis importantes co diñeiro. Ou que llo pregunten aos antigos dirixentes das caixas de aforros, na actualidade tan felices. E sen que a súa felicidade se vexa perturbada polo recordo de que foron eles os principais responsables da ruína das caixas, e os que máis souberon do endilgue das preferentes, e os mesmos que, sen reparo, se autoasignaron indemnizacións millonarias e xubilacións escandalosas. Tan felices e tan tranquilos.

Te puede interesar