Opinión

FINO

Permítaseme unha puntualización antes de entrar en materia. En asunto de idiomas, e referido á nosa Comunidade, para min é tan respectable a persoa que habitualmente fala galego como aquela que a diario se expresa en castelán. (Póucalas gracias, haberá quen diga. Por suposto que si. Pero, dada a índole do tema, talvez sexa aclaración que resulte pertinente).


Sentado o anterior, vaiamos ao primeiro dos casos. Segundo se ten sabido, a finais do pasado mes de decembro a banda municipal de Vilagarcía de Arousa ofreceu un concerto nesa localidade que incluía, entre outras obras, un poema musical que compuxera Antón Alcalde como homenaxe aos tres policías que perderan a vida nun arriscado intento por rescatar a un mozo que afogaba nas augas do Orzán. Obra orixinariamente escrita en galego, pero que en Vilagarcía traducirían ao castelán para que 'el público la entendiese mejor', como explicaría, logo, o director da banda. Pois ben, se estraño resulta que un poema musical (escrito en lingua galega, por un autor galego e ofrecida nunha sala galega) tivese que ser traducido ao castelán, qué dicir da explicación dada polo director. Para que la entendiese mejor el público de Villagarcía de Arosa. Localidade que debe estar por Albacete. ¿Sería idea do director da banda, ou máis ben respondería a presións de persoeiros da vila, con mando en praza, para que a letra soara máis fina, 'más de ciudad'? ¿Tal o seu grao de animadversión cara á lingua galega?


Consideración que parecía compartir aquela señora coa que vai uns días coincidín na parada do autobús. Unha señora xoven á que acompañaban dúas nenas de curta idade que non paraban de falar. Nun momento da conversa, en castelán, unha das nenas, levantando a voz: 'Mamá, esta mañana nos dijo la profe (máis ou menos con estas palabras): cando vexades a un neno pequeno que vai cruzar co semáforo en vermello, collédeo da man e non o deixedes pasar'. Reacción irada da nai, en ton ameazador: 'Pero niña, ¿de qué pueblo eres para emplear ese lenguaje? ¡Vaya, lo que nos faltaba!'


Quizás non sexan máis que anécdotas, simples anécdotas, pero reveladoras, en todo caso, do desprezo (ou vergonza) que persoas destas terras senten polo idioma galego.

Te puede interesar