Opinión

FOTOS

Aoutra tarde, revisando un álbum familiar, topeime cunha foto que daba por perdida, e que alá polos anos cincuenta me fixera un retratista ambulante na escola de nenos de Viladerrei. Vestido con roupa dos domingos, e mirando fixamente para a cámara, apreciase un gran esforzo na miña cara para saír risoño na foto. En canto á composición, pizarrín e pizarra na man dereita, e un caderno de caligrafía na man esquerda. Sobre a mesa na que me apoiaba (que era a mesa do mestre), varios libros, un globo terráqueo e un tinteiro. Como fondo da escena, una mapa 'político' de España. Escenario tipo que, con lixeiras variacións, se repetía en tódalas escolas. A sesión fotográfica ?algo recordo das bromas do retratista- resultara moi gozosa para todos. Nun ambiente de felicidade así, quén podía sospeitar que, no futuro, minúsculas cámaras fotográficas se converterían en fontes de conflito nos centros escolares.


Pois, retornando ó presente, desgraciadamente así é. Hoxe en día, como todos os alumnos con teléfono móbil, e todos os móbiles con cámara fotográfica, son centos as fotos que os alumnos dun centro poden realizar en tan só unha xornada. Fotos e vídeos de toda especie. Non sempre gratos. Imaxes con escenas de acoso a compañeiros, imaxes que vulneran a súa intimidade, imaxes de burlas crueis, de agresión a profesores, de estragos do material do centro.


Por suposto que non é o mesmo violencia que gravado de imaxes, moi distintos ambos. Pero non é menos certo que, en certos casos, acostuman a ir moi ligados. Xa que, en xeral, a acción violenta non se dará por concluída en tanto non se divulgue a través dos teléfonos móbiles ou se 'colgue' en internet. Situación delicada coa que na actualidade se enfrontan os centros escolares, e de non fácil solución. A prohibición do uso do móbil no centro escolar e o recurso a medidas disciplinarias de tipo legal, sen ser descartables, non se teñen mostrado suficientes. Medidas que deben ser completadas, en tódolos casos, coa colaboración permanente entre órganos colexiados do centro, dirección, profesorado, familia, e outros profesionais e institucións. Reflexións, as anteriores -nada orixinais-, que se me viñeron á cabeza aquela tarde ó toparme coa foto festiva da que lles falaba ó comezo.

Te puede interesar