Opinión

HISTORIA

Historia ourensá en cinco capítulos: Multa, recurso, desestimación, consideracións e solidariedade. Multa. Foi a comezos do presente ano cando o Concello de Ourense sancionou a don G. R. I., veciño desta capital, cunha multa de 200 euros polo feito de aparcar o seu vehículo en lugar e horario tan só autorizado para 'carga e descarga' de mercancías.


Recurso. Multa que o afectado recorreu ante o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense alegando que ao non entender o idioma galego non soubo interpretar se o texto que acompañaba o sinal (escrito en lingua galega) lle permitía ou non aparcar alí.


Desestimación. Recurso rexeitado polo maxistrado ao non dar crédito á falta de coñecementos do idioma galego alegada polo recorrente (nacido en Galicia, con residencia de máis de 15 anos en Ourense, e que cursara e superara as materias de galego na súa etapa formativa).


Consideracións. Ante a súa suposta ignorancia do idioma galego, fácil lle tivese resultado a don G. R. I. pedir asesoramento a calquera persoa que pasase por alí, aínda que non fose galega. (Digo ben, aínda que non fose galega, xa que, por máis que descoñecese algunha palabra, tería sacado o seu sentido polo contexto; como recolle o propio xuíz na súa resolución). O caso foi que aparcou o coche en lugar prohibido, e o concello sancionouno coa citada cantidade. Don G. R. I., co dereito que asiste a todos os cidadáns, recorreu a sanción. Mais el, en lugar de aportar razóns que puidesen resultar cribles, e talvez atenuantes, preferiu botar man do suposto descoñecemento do galego para defender a súa causa. E así lle resultou. Hai quen, con independencia da súa fala habitual, sente respecto polo galego por ser unha das linguas da nosa Comunidade. Ou por ser a lingua dos seus pais ou dos seus avós. Ou, dada a súa proximidade ao portugués (un dos idiomas máis falados do mundo), pola súa potencialidade económico/cultural. Ou por outras razóns. O que nunca se vira ata agora é que alguén intentase sacar partido en beneficio propio alegando, precisamente, a súa ignorancia.


Iso si, a don G. R. I. non lle faltará o apoio afervoado dos tertulianos de certas emisoras de radio e televisión que a diario manifestan o seu total desprezo pola nosa lingua.x

Te puede interesar