Opinión

IDIOMAS

Por se puidesen levar a confusión algunhas das anotacións que figuran no texto, permítaseme que exprese nestas primeiras liñas os meus sentimentos de admiración e respeto pola lingua inglesa. Lingua materna de 355 millóns de persoas (segundo os últimos datos de ETHNOLOGUE); lingua usual de 765 millóns; e, por se algo faltase, a consideración de 'lingua franca' que internacionalmente se lle recoñece. Datos certos, si; e que teñen levado a moitos a ligar o dominio do inglés coa consecución dun emprego. Para uns, condición necesaria; para outros, razón suficiente para conseguir, de maneira automática, un posto de traballo no estranxeiro.


Vaiamos por partes. Por suposto que lles esixirán o domino do inglés aos que queiran optar a un posto de traballo no Reino Unido. E o mesmo en Irlanda, e nos EEUU, en parte do Canadá, en Australia, en Nova Zelanda (por citar, tan só, países onde esta lingua ten carácter prioritario). Pero, en Francia, e antes que ningún outro idioma, pediranlle o francés; e en Alemaña, o alemán; en Italia, o italiano; en Polonia, o polaco e así. Incluso nos Países Nórdicos, con tanta presenza do inglés, lles esixirán o coñecemento das linguas propias. Logo están China (con máis de mil millóns de falantes do chino mandarín), Rusia, o Xapón... E, qué dicir dos países de fala hispana, con 466 millóns de falantes, e dos países de fala portuguesa, con 217 millóns; case igualando entre os dous colectivos o número de falantes de lingua inglesa.


En resume, cada país, co seu idioma. Iso si, sen descartar que para determinados postos se considere como mérito, incluso se esixa, o coñecemento do inglés; ou doutros idiomas.


Pero é o caso que, aínda dominando máis dun idioma, non lles está a resultar nada fácil aos españois encontrar emprego en países europeos. Así que, mentres o panorama non cambie, non parece que queden moitas máis saídas que volver a vista a Latinoamérica, nada inglesa, e con taxas de paro moi baixas (México 5,17%, Brasil 5,5%, Chile 6,4%, Uruguai 6,2, Perú 5,4%). Países onde os galegos gozarán dunha dobre vantaxe ao poder manexarse tanto no castelán coma no portugués. (Portugués, idioma irmán desta nosa lingua, nun tempo case que proscrita, e aínda hoxe tratada con desprezo por xente galega.)

Te puede interesar