Opinión

INGLÉS

Nunca pensei que iniciaría unha columna coa manida frase 'Con la que está cayendo', pero en poucos casos máis oportuna que nesta ocasión. Falo da noticia que vai uns día publicaba o xornal El País dando conta de que a Comunidade madrileña acababa de contratar, 'a dedo', a 28 profesores británicos e irlandeses -con escaso ou nulo coñecemento de castelán- para impartir clases, coma uns profesores máis, de materias 'non lingüísticas'. Noticia que me dá ocasión para realizar aquí algunhas consideracións en torno ao aprendizaxe do idioma inglés.


Nun mundo globalizado, como o actual, cada vez se vai facendo más necesario o dominio de linguas doutros países. En maior medida, da lingua inglesa, pola súa condición, bastante asumida, de idioma internacional.


Con frecuencia se veñen oíndo queixas do baixo nivel de coñecemento do idioma inglés por parte dos alumnos españois. Unha apreciación sobre a que talvez resulte oportuno realizar algunhas matizacións. En primeiro lugar, e ao igual que ocorre co resto das materias do currículo, existe unha grande disparidade, en canto a dominio deste idioma, entre uns alumnos e outros. En canto a unha consideración global do alumnado, parece así mesmo oportuno precisar os términos de comparación. 'Nivel baixo', ¿en relación con quen? Nun recente estudo sobre coñecemento da lingua inglesa na que participaron alumnos de 4º da ESO de 14 países europeos, é certo que España figura a gran distancia de países como Suecia; pero non é menos certo que ocupa un posto moi próximo a Bélxica, e que incluso supera a posición de Francia. Esta é a situación. Situación, por suposto, susceptible de mellora. Empezando por identificar todos os factores e condicionantes que inciden na ensinanza/aprendizaxe desta materia, tanto de tipo persoal, como material, organizativo, metodolóxico, familiar, social. E procurando determinar o grao de incidencia de cada un deles no desenvolvemento do proceso. Cuestión complexa que esixe un tratamento moi serio. Unha complexidade que non casa para nada coas ocorrencias de sopetón.


Por último, non nos abrume a superioridade do alumnado dos países nórdicos no dominio do inglés. Sen restarlles méritos, un gran número de familias destes países teñen o inglés como primeira lingua. Que algo terá que ver cos éxitos daqueles.

Te puede interesar