Opinión

Lamentos

Poucas deben ser as rexións, e aínda países, con tantas festas gastronómicas como as que cada ano se celebran en Galicia. Festas, feiras e degustacións para enxalzar ás nosas castañas, ó noso viño, á lamprea, ós capóns, ás angulas, á augardente, ó pan, ás patacas, ó cordeiro, ós grelos, á cebola, ós cogomelos, ó queixo, ¡ó porco! (nas súas variedades: chourizo, botelo, cachucha, xamón, androlla). Como se na nosa Comunidade non puidese haber un produto, de comer, sen a correspondente festa de exaltación.

Unha das máis recentes, con asistencia de 120 comensais, a de Santo André de Camporredondo (do concello de Ribadavia), celebrada a semana pasada en homenaxe ás vacas de raza cachena. Por máis precisar, á carne das súas tenreiras. Non era a primeira vez que se celebraba unha festa en honra destas vacas (raza orixinaria de Galicia, de pata non moi longa, espectacular cornamenta e carne moi saborosa). Que outras houbera, con tradición de varios anos e moito más concorridas (Quintela de Leirado, Entrimo, Vilamarín, Pontedeume).

Pero había, nesta, unha particularidade que nunca se dera en celebracións anteriores. Nunha das paredes do local do banquete, e coma presidindo o acto, colgaran unha gran fotografía da cabeza dunha vaca cachena. Non sabería eu dicir, ó non aparecer claro nas informacións, se as carnes das que estaban a dar conta os comensais do evento pertencían a un fillo da vaca da foto ou se, por máis que cachenas, eran fillos doutras vacas. Cuestión menor, en todo caso. O que verdadeiramente impresiona da foto, o que causa maior impacto, é a mirada do animal. Mirada triste, dorida, conturbadora, coma se lle estivese dicindo ós comensais: “Esa carne que estades a devorar con tanta fruición (en banquete á nosa honra) ben pode ser carne dun dos meus fillos. E, como se fose doutras vacas. A ver, ¿que mal vos fixemos para que teñamos que pagar esa afronta coa vida dos nosos propios fillos? Por favor, non volvades dicir que son actos organizados na nosa honra. ¡Xa está ben de tanto escarnio!”.

Ao que un cocho adulto, de entender estes lamentos, lle tivese respondido: “Ven a dicírnolo a nós... Cando, ademais de matarnos e estragarnos, a diario nos fan obxecto dos maiores desprezos. Incluso chegan a empregar os nosos nomes para insultarse uns ós outros. ¿Haberá maiores ofensas?”. 

Te puede interesar