Opinión

LIBERIA

Aquel día, todos os xornais titularon a noticia en termos moi parecidos: El FMI alerta del riesgo de que la gente viva más de lo esperado. Titulares que facían referencia ao informe do citado organismo (El impacto financiero del riesgo de longevidad) e a súa incidencia sobre o futuro das pensións. Un informe que ven a dicir que na mesma medida en que, por culpa da lonxevidade, se incremente a porcentaxe de xubilados en relación coa poboación xeral, así resultará cada vez máis difícil o mantemento do sistema de pensións actual. Esas son as premisas. De onde cabería colixir, nesta sorte de siloxismo sinistro, que se a xente morrese antes do que por lei de vida lle corresponde, o sistema de pensións estaría totalmente garantido. En todo caso, e con obxecto de conxurar por outras vías tal perigo, propoñen que con carácter inmediato se proceda a retrasar a idade de xubilación, así como recortar as prestacións das que agora gozan os xubilados. 'Entre los gobiernos ?laméntanse os do FMI son contados los que reconocen debidamente el riesgo de longevidad'. Dito con toda a crueza, pero sen aclarar cáles son os países que recoñecen debidamente o problema, e cáles non. ¿España, en cal dos grupos? Nin aclarar, tampouco, se existe algún país que estea a salvo do riesgo de longevidad. ¿Luxemburgo, Noruega, EE.UU., Francia, España, Liberia?


A falta de pronunciamento por parte do FMI, intentémolo pola nosa conta por ver cómo resulta. Empezando polo último dos citados. Liberia, país situado na costa oeste de África. De algo máis de cen mil quilómetros cadrados de extensión, con tres millóns e medio de habitantes, cun Ingreso Anual per cápita de 400 dólares (o de Noruega, 55.000), e cunha esperanza de vida de 41 anos (a de España, 82). Pois ben, á vista destes datos, estou en condicións de asegurar .descúlpenme a petulancia que talvez sexa Liberia o país menos exposto a ese risco de lonxevidade que tanto preocupa ó FMI. E dado que a esperanza media de vida non pasa de 41 anos, non se verá na obriga de retrasar a idade de xubilación. En canto ao recorte nas pensións, tampouco procede, pois ¿quen chega alí a esas idades que por aquí se lles di xubilosas?


Resumindo. Xa que a salvo Liberia do risco inminente de lonxevidade, un problema menos para o FMI.

Te puede interesar