Opinión

LIMIA

Tomando como base os datos dun recente informe de Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia), titulaba este xornal na súa primeira páxina a semana pasada: El río Limia es uno de los más contaminados de Galicia. Datos de gran contundencia, os recollidos por Adega no seu 'Informe sobre o estado de saúde dos ríos galegos 2012', onde a situación de deterioro ambiental que están a sufrir o río Limia e as súas beiras se pon de manifesto en toda a crueza ao comparala co estado doutras cuncas de Galicia. Como pode ser a do Miño, por ser a referencia que nos cae máis cerca. Unha comparación relativa a cada un dos apartados fundamentais obxecto do informe: Calidade do hábitat, calidade do bosque ribeirán e calidade biolóxica. Hábitat en estado deficiente: Conca do Miño, un 5%; Conca do Limia, un 50%. Bosque ribeirán moi degradado: Conca do Miño, 2%; Conca do Limia, un 50%. Río en mal estado de 'saúde': Conca do Miño, un 8%; Conca Limia, un 60%. (Se a comparación se fixese coa dos ríos da vertente Cantábrica, os datos do Limia resultarían moito máis deprimentes). Exposto o anterior, pasemos a outro caso.


A comezos do ano 2011, o entón presidente da entidade 'Portos de Galicia' comprometeuse co alcalde Xinzo á construción dun pantalán (embarcadoiro) no río Limia para facer posible a navegación de lanchas, botes e piraguas. O custe da obra, estimado en 200.000 euros, sería sufragado na súa totalidade pola Xunta de Galicia. Mais, pasado un tempo, alguén caeu na conta (oh!) que no verán, época máis propicia para a navegación, o río, no seu transitar por Xinzo, está completamente seco; logo así, para qué o tal embarcadoiro. E desbotouse a idea. Agora ben, posto que existía compromiso firme de arranxos no Limia, e dado que se contaba co oportuno financiamento, qué mellor destino deses cartos que o da limpeza do propio río e a recuperación das súas maltratadas beiras.


Teño lido estes últimos días, e a partir de que se fixesen públicos os datos de Adega, cómo as xentes doutras concas fluviais presumen, vaidosos, da calidade dos seus ríos. Cánto me gustaría a min poder dicir o mesmo. (Non quixese ocultar que o río de As Endrineiras de Viladerrei tamén é tributario do Limia; de aquí, coa do sentir xeral, a miña especial indignación).

Te puede interesar