Opinión

A linguaxe do viño

Dende vai moitos anos, e nada máis que por curiosidade, veño facendo seguimento da linguaxe empregada polos catadores de viño. Unha linguaxe que non podo por menos que admirar, por máis que, a maioría das veces, me deixe sumido nun profundo desconcerto. Admiración, si, pola beleza das súas palabras, polas metáforas das que fan uso e polo ton lírico que encerran ; e desconcerto, e aínda frustración, ó non ser quen de captar na súa integridade a mensaxe que levan dentro.

Cuestión que hoxe traio aquí por estar recentes as declaracións dun catador de fama internacional nas que se desfacía en gabanzas sobre a calidade do viño dunha importante comarca da nosa provincia. Con expresións como estas: “Es etéreo pero al mismo tiempo potente”. “Un puño de hierro en un guante de terciopelo”. “Con la mineralidad eléctrica del granito” . “Magnífica elegancia”.

Unha breve mostra, a anterior, do que dicía ó comezo do escrito. E que completo con creacións doutros catadores, tamén de moita fama: “Humo de cerillas, piedra de mechero”; si, si, así como soa. “De color muy abierto y de nariz muy cerrada, pero pura”; ¿que secreto se ocultará tras palabras tan fermosas? “Carnoso, morfológico, de formas curvas”; mesmo parece case estou seguro que se trata dun viño libidinoso. “Zalamero, impertérrito, finisecular”; ademais de finisecular, dunha zalamería sempiterna . “Consuetudinario, tridimensional, cibernético, concupiscente”; talvez o viño máis completo que é dado imaxinar. “Telúrico, flácido, musical”; viño de moita calidade, por máis que a min se me antolle un tanto cascabeleiro. E por fin, “Camisón de novia en noche de bodas”; viño misterioso o do tal camisón. ¿Cal será o seu misterio? (E sempre pensando que estamos a falar da valoración dun viño).

Te puede interesar