Opinión

LOCALISMOS

Son datos de AENA. Tráfico de pasaxeiros no ano 2007 no conxunto dos tres aeroportos galegos: 4,7 millóns. Tráfico de pasaxeiros no ano 2012: 3,8 millóns. Previsión anual 2013: polos movementos realizados ata outubro, unha perda do 9% en relación co ano anterior.


Son datos de ANA, Aeroportos Portugueses: Tráfico de pasaxeiros no ano 2007 no aeroporto Sá Carneiro de Oporto: 3,9 millóns. Tráfico no ano 2012: 6,1 millóns.


Resumindo. En tanto nos últimos cinco anos o tráfico de viaxeiros do Sá Carneiro se ten incrementado en máis de dous millóns de pasaxeiros, os aeroportos galegos, no seu conxunto, perderon case un millón.


'¡Y todo, por culpa de los de La Coruña y los de Santiago!', berra o alcalde de Vigo. '¡E todo, por culpa dos de Vigo e os da Coruña!', berra o alcalde de Santiago. 'Y todo, por culpa de los de Santiago y los de Vigo!', berra o alcalde da Coruña. Cada cal coa súa teima, día tras día. Non obstante, hai algo no que coinciden por completo: tal é o caso de tacharse uns ós outros de localistas. E nisto, non vale negalo, hai que recoñecer que os tres teñen razón. Mesmo como se quixesen emular ao máis localista dos alcaldes que Galicia viu, do que non me atrevo a escribir o seu nome, e ó que o seu localismo excluínte, tantos réditos lle deu. Falan, así mesmo, de competencia desleal e de subvencións escandalosas a compañías aéreas; pois tamén nisto, hai que darlles a razón aos tres.


Mentres, ¿a provincia de Ourense, tamén a de Lugo, non teñen nada que dicir ó respecto? ¿Acaso non se está a falar de 'aeroportos galegos'? Claro que si. Pero, polo que se ve, neste asunto e en tantos outros, Ourense non pinta nada, ou case nada. '¡Pois, alá eles!', que me dicía aquel. Engadindo deseguido: 'Eu, que pola miña ocupación debo viaxar moito a países estranxeiros, non teño ningún problema. Con Oporto, chégame e sóbrame. E sequera, alí son educados'. Esta é a realidade. Tan pouco reconfortante para nós. Menos mal que, de momento, o tren AVE aínda non voe. Que de voar, na súa viaxe cara a Vigo e A Coruña, na que non habería paradas en Ourense, teriamos que conformarnos con velos pasar polo aire e botarlles uns saúdos dende o chan.

Te puede interesar