Opinión

LUMES

Mágoa que o documental 'Queimar o monte' (da produtora Walkie Talkie Films) se emitise pola TVG.2, máis alá da media noite, en horario tan pouco propicio para contidos desta natureza. Excelente documental ideado e dirixido polo ourensán Emilio Fonseca Martín sobre causas e consecuencias dunha praga que, dende vai xa moito tempo, está a asolar Galicia. Con datos de arrepío: nos últimos 30 anos levan ardido máis dun millón de hectáreas do monte galego, o que equivale a un terzo da superficie total da nosa Comunidade. E con máis de 150.000 incendios nos últimos 20 anos.


Situación insoportable que van analizado ao longo do vídeo persoas pertencentes aos sectores máis diversos, por máis que todas elas implicadas, dalgunha maneira, na loita contra esta lacra. Biólogos, sociólogos, historiadores, ecoloxistas, comuneiros, gandeiros, pastores, grupos de veciños, Guardia Civil, Policía Nacional, Fiscalía. Que, se ben con opinións non sempre concordantes tanto nas causas dos incendios como nas medidas a tomar, todos eles coincidentes nun punto, cal é o de considerar a queima dos montes como o maior problema ambiental co que na actualidade se enfronta Galicia. No que todo resulta complicado, a non ser o do seu inicio. Di un axente forestal: 'Non hai cousa máis doada que plantarlle lume ao monte. Nin cousa máis doada que escapar, e non te pillen'. O que viría coincidir co desalentador dato de que non pasa do 1% o número de incendiarios condenados.


Ao longo do documental, que se desenvolve con ritmo áxil, pero nunca mareante, vanse alternando durante unha hora imaxes e palabras. Palabras que falan de abandono do monte, de pirómanos, de fogos intencionados, de neglixencias, de fatalidade. E imaxes de solos abrasados, sen rastro de vida, entre as que se intercalan outras de vexetación frondosa; nun violento contraste que, con fondo dunha música desacougante, contribúe a incrementar o dramatismo de tanta queima. Imaxes do Macizo Central ourensán, do Xurés, de Valdeorras, do Pindo, de Barbanza, das Fragas do Eume, do Courel, da Estrada, da Cañiza, de Cotobade.


Quixese rematar cun rogo aos directivos da TVG. Que se emita de novo o documental en horario máis oportuno, e a ser posible pola TVG.'1'. Seguro que paga a pena.

Te puede interesar