Opinión

MENTE HUMANA

Cando escoite pola radio o seu título ('Neurociencia para Julia', de Xurxo Mariño. Editorial Laetoli), ao momento se veu a cabeza o libro de J. Gaarder, que en castelán titularan 'El mundo de Sofía'. Un libro, este último, do que se levan realizado incontables edicións en todo o mundo; éxito total. Por máis que haxa persoas que non lle encontrou ningún sentido a ese artificio absurdo de novelar, de maneira forzada, a historia da filosofía. Un caso que traio aquí por mor da evocación da que antes lles falaba. ¿Seguiría o texto de Xurxo ?preguntábame eu? un desenvolvemento similar ao do autor noruegués? Unha dúbida que quedou resolta en canto lin o prólogo do libro. Julia, a diferenza de Sofía, non é protagonista de ningunha novela, porque no texto de Xurxo non hai novela. O nome de Julia é un recurso que emprega o noso autor para, dirixíndose a aquela, reclamar dos lectores unha atención especial sobre cuestións clave dun determinado proceso.


Dende a primeira páxina do libro o autor invita a Julia (invítanos a nós) a que o acompañemos nunha viaxe de exploración pola maquinaria da mente, comezando por unha descrición xeral do sistema nervioso, e pasando, logo, a dar conta de cada unha das súas partes e das correspondentes funcións e interrelacións: o encéfalo (cerebro, tálamo, cerebelo), as neuronas, os sentidos, a memoria, a linguaxe, 'o misterio do soño', 'a central eléctrica da cabeza'...


Persoalmente, sinalaría como o capítulo de maior interese o dedicado a relación mente-corpo. Segundo o autor, para a maioría dos científicos esa suposta relación non ten ningún sentido xa que mente e corpo, 'en concreto, el sistema nervioso', son a mesma cousa. Deixando claro, iso si, que de momento queda por explicar cómo xurde a mente (¿o ser?) a partir do funcionamento electroquímico do encéfalo.


Moitas son as gabanzas que se lles poderían dirixir tanto ao contido do libro como ao seu autor. Mais, ao meu entender, o maior mérito de Xurxo Mariño (doutor en ciencias biolóxicas, profesor universitario, divulgador científico, colaborador do Massachusetts Institute of Technology) reside na súa capacidade para pór ao alcance de persoas legas na cuestión, de forma amena, o complexo mundo da mente humana, cando menos aquelas nocións máis relevantes.

Te puede interesar