Opinión

MERECEMENTOS

Averdade é que me parece esaxerado que unha noticia como aquela puidese adquirir relevancia mundial. Que un restaurante xaponés teña tan só unha mesa; que esa mesa sexa redonda e con capacidade para oito persoas; que o seu persoal practique o budismo; que os seus produtos sexan todos naturais; e que recorran á oración para confeccionar os menús, non me parecen credenciais suficientes para ser catalogado como 'Restaurante único en el mundo'. Como así aparecía recollido no xornal madrileño que daba a noticia.


Por razóns profesionais, circulaba eu por alí á hora do xantar. Vin o letreiro da cantina, aparquei o coche e pasei dentro. O carón da barra, varios homes con vasos na man, case todos con monos de traballo (obras na estrada), que falaban a berros. Pregunteille á que parecía ser a taberneira se servían comidas. Por toda resposta sinalou cara a unha mesa enorme para que fose tomando asento. Como eu puxese xesto de estrañeza, enseguida me cortou: '¡Elle a única que temos!', coma quen, se che interesa ben, e se non, vía. Ao pouco de sentar eu, comezaron a incorporarse á mesa os outros ata ocupar a metade dos asentos (seríamos unha ducia de comensais). Momento no que a muller puxo sobre a mesa, como entrantes, un par de queixos e un xamón para que cada quen se fose administrando segundo as súas apetencias. Non pasaran máis de cinco minutos, e ao grito de '¡Ei vai!', comezou a servir o prato do día: cocido. Bandexas con chourizos variados, dentes, cachuchas, lacóns, soás, vitela, garavanzos, grelos... Viño tinto en abundancia. E de remate, leite frita e filloas.


Chegados a este punto, xa podemos establecer comparanza entre o 'noso' restaurante e o restaurante xaponés. Unha soa mesa nun, unha soa mesa no outro. Mesa rectangular unha, mesa redonda a outra. Para oito comensais a xaponesa, para vinte a galega. Produtos naturais os de alá, produtos naturais os de aquí (¿acaso, haberá algo máis natural cós grelos e a carne de porco?). De relixión budista o persoal do restaurante xaponés, relixiosa a nosa camareira (¡había que oír como se encarou con tres ou catro individuos que non paraban de xurar!).


Entón, e honradamente, de outorgarlle a un deles o título de 'Restaurante único en el mundo', ¿cal dos dous con maiores merecementos? Eu, nin o dubido.

Te puede interesar