Opinión

METEOROLOXÍA

Ao longo da historia da televisión española, os chamados 'homes do tempo' (non se fala de mulleres) sempre contaron co aprecio dos telespectadores. Empezando por don Mariano Medina que, sen outros recursos que unha louxa, unha vara de vimbio, unha barriña de xiz e un dos seus brazos, era quen de anunciarlles ós televidentes o estado do tempo nos días vindeiros: 'ya dijo don Mariano que, por fin, mañana tendremos lluvia'. Tamén, moi apreciados, Martín Rubio (que afeitara o bigote por fallar nunha predición), Maldonado, Toharia, Pilar Sanjurjo (primeira muller española nestas lides), Montesdeoca, Mario Picazo... En Galicia, qué dicir do noso Santiago Pemán, da súa claridade expositiva, da súa ironía, dos seus acertos; e dese vocabulario tan seu de 'nubes espalladas' e 'terribles maruxías'.


Cada cal co seu estilo, pero todos coa mesma pauta de contención xestual. Mais de pronto, rompendo cos esquemas dos anteriores, vai e aparece en escena Roberto Brasero. Digo en escena, e digo ben, porque a súa intervención, con maneiras de profesional do teatro, desenvólvese nun amplísimo escenario.


Antena 3, 15 horas, 10 minutos. Hora de comezo de 'Tu tiempo, con Brasero'. Voz en off do protagonista comentando imaxes da actualidade meteorolóxica do día. Pasado un minuto, irrupción de Roberto por un lateral do escenario en percorrido campante ata o outro estremo do mesmo; cunha decisión, cun estilo, que mesmo igualaría a un modelo de pasarela. Chegado a ese punto, diríxese aos espectadores para facer un resume dos datos meteorolóxicos do día máis salientables. Pronto o espectador, non avisado, comezará a sorprenderse, marabillarse, do seu dominio da linguaxe de signos e, sobre todo, desas súas 'mans faladoras'. Unha habilidade que acada a súa máxima expresión, agora axudada polos movementos de todo o corpo, ó explicar o contido de cada unha das táboas mapas: adiantándose, retrocedendo, erguéndose, baixando a rentes do chan; ora de forma brusca, ora suave, segundo corresponda; agresivo coas condicións adversas (tormentas, inundacións, secas estremas, xeadas) e cara risoña coas boas novas. E todo o anterior, axudado por unha modulación de voz adaptada, de maneira maxistral, a cada un dos seus movementos.

Te puede interesar