Opinión

MISTERIOS

En medio de tanta alegría, falemos, logo, de tanatorios. De tanatorios, e dalgúns dos seus misterios.


En pleno mes de agosto, os medios de comunicación deron conta da noticia. Que non era outra que a detención, logo de intensa busca por parte da Policía, dun home que acaba de roubar varias botellas de whisky nun tanatorio de Vigo. E aí ven o primeiro dos misterios. ¿Como casan unhas botellas de whisky escocés cos habituais desconsolos dun tanatorio? A ver, si, sempre se dixo que o viño alivia as penas, pero nunca pensei que se chegase a tanto.


Fora un ano antes cando nun pobo da nosa provincia, con motivo da inauguración dun tanatorio (a que asistiron autoridades de diversos estamentos), se organizou unha gran festa, banquete incluído, na propia sala mortuoria. Mais, ó día seguinte, cando aínda resoaban no local os discursos e cantares de tanta celebración, houbo que retirar a toda présa mesas, cadeiras, pratos, vasos e restos de comida para deixar sitio a un cadaleito no que xacía o cadáver dunha muller moza. Caprichos do destino, que mesmo parece coma que o fixese con mala idea.


La policía desaloja a 36 personas que dormían en el tanatorio abandonado de Basurto. Así titulaba a noticia o xornal Deia na súa edición do día 6 do pasado mes de xullo. Todos inmigrantes, a maioría deles indocumentados. Aloxados nun tanatorio... ¿Cal a razón para que se instalasen alí? ¿Acaso non habería outros refuxios algo máis convencionais? Talvez, non. Pero tamén pode ocorrer que (sen 'papeis', sen saída, sen vida por diante) o seu subconsciente terminase por levalos a un lugar en consonancia co seu futuro, un futuro que pinta moi negro.


Dende hai un par de anos, un tanatorio de Taipei (Taiwan) ven aproveitando a calor das cremacións para tostar café. Por cuestión de aforro enerxético, segundo din os responsables do tanatorio. ¿Esta, como única razón? ¡Oi, oi! Pero aínda que así fose, ¿non haberá mil aplicacións máis apropiadas nas que empregar esta enerxía (combustión de cadáveres) que a do torrado do café? Algo raro debe haber para despachar con tal simpleza (aforro de enerxía) unha medida, digan o que digan, fóra de toda lóxica.


Tanatorios así, nos que todo son preguntas. Preguntas sen resposta; e cada cal co seu misterio.

Te puede interesar