Opinión

Nomes e alcumes

O Estado Mexicano de Sonora acaba de aprobar unha lei que impide a inscrición no Registro Civil de 61 nomes que outros tantos pais tiñan solicitado para os seus fillos. Un listado no que figuran, entre outros, os nomes de Cacerolo, Calzón, Batman, Panuncio, Escroto, Facebook, Fulanito, Rambo, Tremebundo, Terminator, Twitter, Yahoo. Unha decisión que está a provocar grandes protestas nas redes sociais, que acusan ao Estado de non permitirlles aos pais o exercicio dun dereito fundamental, cal é o da liberdade de darlles aos fillos os nomes das súas preferencias. Pero medida que conta co apoio maioritario da poboación que considera denigrantes algúns dos nomes propostos; aparte, segundo din, que xa hai de sobra onde escoller, sen necesidade de botar man de tales babecadas. Nunha polémica que non parece ter fin, e que cada vez vai a máis.


Cambiando de escenario, ¿podería dicirse que por aquí está a ocorrer algo parecido? Pois, salvo algún caso raro, penso que non. Certo que, ó aparecer novas ofertas, o santoral xa non goza da exclusividade doutros tempos á hora de darlles nomes ós recén nacidos; pero, de momento, aquel continúa sendo a principal fonte subministradora de nomes. Isto, no presente. ¿E se falamos duns anos atrás, que? Se falamos doutros tempos habería que diferenciar entre costumes da aldea e costumes da capital. Compartían ambos lugares a tradición de recorrer ó santoral para pórlles nome ós fillos; pero as xentes da aldea, a diferenza das da capital, tiñan por costume celebrar un segundo bautizo calquera fose a idade do suxeito. Bautizo pagano, sen ningunha cerimonia, sen intervención dos pais, no que se asignaban nomes acordes coa personalidade de cada quen. Era entón cando xurdían apelativos de tal dureza (non reproducibles nesta columna) que deixarían en inocentes bagatelas os nomes que na actualidade están a provocar tanto escándalo no estado mexicano de Sonora. Falo dos alcumes, dos motes. Nas liñas que seguen, tan só se inclúen alcumes masculinos.  


Sobrenomes relacionados con deficiencias físicas e psíquicas do individuo: o Coxo, o Tío Xordo, o Torto, o Cogomelo (de baixa estatura), o Sinmau, o Mexanabata, o Eivado, o Pasmón. Outros, tomados dos animais: o Pito, o Xumento, o Lagarto, o Tío Mico, o Peixe, o Carrizo, o Paxariña, o Raposo, o Piollo, o Leirón, o Xurelo. Finalmente, outros, de procedencia variada: o Manteca, o Roxo, o Tío Talán, o Maneco, o Bailarín, o Boubán, o Planchado, o Manivelas, o Lalán, o Peinado, o Conigoto, o Pelendre,  o Tío Moulón, o Patelo, o Garrancho, o Mundo.


Breve listado, o anterior, dos alcumes que se viñan usando nas distintas aldeas. E digo “viñan” porque, sen lugar para a renovación, están a desaparecer día a día coa morte dos seus titulares. Pouco a pouco, ata a súa desaparición definitiva, cada vez máis cerca.

Te puede interesar