Opinión

Novo curso, nova lei

Este ano, co inicio do novo curso, estreamos nova Lei de Educación. Unha Lei (LOMCE), promovida polo ministro máis rexeitado de todo o Goberno, defendida con argumentos non sempre axustados á realidade, e aprobada sen ningún consenso.

Que todo goberno democrático está lexitimado para elaborar novas leis, é algo que non cabe cuestionar. Que na normativa anterior sobre educación había aspectos susceptibles de mellora, claro que si. Que se facía necesario realizar axustes acordes cos novos tempos, por suposto. Pero, en todo caso, cambios que esixirían unha xustificación moi ben argumentada e unha actitude dialogante e aberta para que a nova Lei puidese contar cos maiores apoios.

Falaba da necesidade de empregar argumentos ben fundados. E ¿cales os empregados polos defensores da nova lei? Pois, tomando como bandeira os resultados do programa PISA (e sempre na boca, Corea do Sur e Finlandia) insistindo unha e outra vez, e outra, e outra, nos datos máis frouxos e silenciando de maneira maliciosa o que teñen de aceptable. “Somos la vergüenza de Europa”, pregoaban os voceiros da causa. “Apoyaría alguna manifestación para poner en evidencia los bajos resultados de los alumnos”, manifestaría a Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades en xornada de furor. (Nunca tal se vira que a segunda autoridade dun Ministerio incitara á protesta callejera por cuestións relacionadas co seu departamento).

Mais, en relación con Europa, ¿cales os resultados que tanta vergonza lle producían ós animadores da festa e que tanto laceraban os sentimentos de toda unha Secretaria de Estado do Ministerio? Vaimos ós resultados, para comprobar.

Apartado de Ciencias: Nove comunidades das catorce que participaron nas probas por encima da media da Unión Europea (entre elas, Galicia, coa mesma puntuación que a do Reino Unido). E cinco comunidades, por debaixo da media.

Apartado de Matemáticas: Dez comunidades por encima da media europea (entre elas, Galicia). E catro comunidades, por debaixo da media.

Apartado de Competencia Lectora: Nove comunidades por encima da media europea (entre elas, Galicia, que de novo coincidía en puntuación co Reino Unido, e superaba, entre outros países relevantes, a Dinamarca, Italia, Austria, Suecia.....

Aínda dando por válidos os resultados do programa PISA (que moitos expertos na materia cuestionan), ¿tan malos os resultados? Nuns anos nos que o sistema escolar español viu incrementada a matrícula de alumnos inmigrantes de maneira espectacular . Así, no sector “ensinanzas non universitarias”, de 72.000 alumnos de orixe estranxeiro no curso 1997/98, pasouse a 781.000 alumnos no curso 2011-12. Alumnos que, coa súa diversidade linguístico-cultural e coas súas carencias económico-sociais, veñen participando, na proporción que lles corresponde, nas avaliacións do programa PISA.

¿Tan desastrosos, logo, os resultados para que o Ministro de Educación falase de “fracaso importante en el progreso académico de España en esta década”? En suma, críticas durísimas contra o sistema escolar anterior (no que non encontraban nada salvable) , e críticas das que tampouco os docentes saíron moi ben parados.

Te puede interesar