Opinión

NUBES

Por se a palabra 'nube' non tivese bastantes acepcións, dende hai algún tempo as xentes de internet decidiron incorporala ó seu mundo cun novo significado. E agora, ben amarrada, xa non hai quen llela quite. Servicios en la nube, Empresas en la nube, Computación en nube, Informática de nube, Nube de internet, ou Cloud computing (en versión orixinal). Eu, aínda que das cuestións informáticas case todo ignoro, penso que en lugar da palabra nube para nomear esa nova modalidade de arquivo, mellor lle tivese cadrado o de 'almacén sideral'. O das nubes, nubes, é outra cousa moi distinta, moito máis poética. Como así o souberon ver Aristófanes e Baudelaire, por exemplo.


Aristófanes, que na súa obra, As Nubes, eleva a estas á categoría de deusas, dotadas de gran sabedoría, e ás que os humanos acoden con frecuencia en busca de consello. En cuanto a Baudelaire, son continuas as referencias ás nubes nos poemas incluídos no seu libro, As Flores do Mal. 'Xoga co vento e conversa coas nubes', 'Os seus desexos teñen forma de nube', 'As vosas amplas nubes enloitadas', 'Os meus brazos están rotos de tanto abrazar as nubes'.


Das nubes ?vai agora a miña historia sempre me marabillaron as súas formas, as súas tonalidades, os seus movementos; e esa capacidade de crear novas escenas, que por moto que similares, sempre diferentes. Cando neno, víame saltando de nube en nube sen caer, xogando ás agachadas cos outros rapaces ou esvarando por elas, sen mancarme, ata pousarme paseniño no chan.


Tamén sendo cativo, imaxinaba eu o Limbo de los Niños (do que o cura nos falaba nas tardes de Catecismo) coma un lugar escondido feito de nubes brancas, todo nubes brancas, por onde unha caterva inxente de bebés espidos, en algarabía de berros e choros, corrían sen rumbo dun lugar a outro cos brazos cara adiante en busca de amparo. Cheos de fame e de frío, sen ningunha nai alí que lles puidesen valer. E dábanme moita pena. Esta era a miña figuración do Limbo de los Niños, do que por sorte eu me librara.


Nubes da miña infancia, polas que tanto vaguei, e que agora os de internet, se ningunha consideración, están a ateigar de datos, programas, servidores, aplicacións, dispositivos dixitais, tan prosaicos todos eles.

Te puede interesar