Opinión

PACIENCIA

Alguén dixo no seu momento que de non cumprirse o cataclismo que con tanto ruído se viña anunciando, habería xentes que entrarían en depresión. Falo dos crentes máis convencidos que, con fe cega na profecía maya, daban por seguro que o 21 de decembro de 2012 a existencia do Mundo tocaría ó seu fin. Pero é caso que pasado case un mes da fecha sinalada, o mundo, aínda que un pouco máis desbaratado, segue a estar no seu sitio. Con desconsolo manifesto por parte daqueles, ao non ver cumpridos uns augurios que con tal enteireza asumiran e con tanto ardor predicaran. De nada vale que lles repitan de continuo que no fallo das predicións eles mesmos salvaran a vida; de nada vale, pois son palabras que incrementan a súa decepción e fan aínda máis insoportable o seu fracaso. Situación dolorosa, a súa. Con todo, eu dende aquí diríalles (ata onde poida alcanzar a miña voz) que aguanten, que non desesperen, pois estou seguro que, a non tardar, os que viven do rendible negocio dos augurios lles traerán noticias confortadoras. Que xa empezan a soar algunhas voces asegurando que, de momento, non ten habido tal fallo na profecía, e si un lamentable erro na interpretación do Calendario (do Calendario Maya, se entende). Incluso hai quen aventura que todo o anunciado se consumará 'dentro de un año, o algo más'. O que abre unha fírgoa á esperanza.


Esa mesma esperanza que lles ven dando forzas aos adventistas do Sétimo Día, cunha historia de fracasos nas súas predicións que moi poucas comunidades de crentes poderían soportar. Eles si. Que comezaron fixando o 21 de marzo de 1844 como data do fin do Mundo, e o Mundo non acabou. Despois o 18 de abril, e tampouco. E logo o 22 de outubro, cun novo fracaso. Aínda fixarían novas datas (1854 e 1873) para a destrución total do Mundo, que quedaron en nada. Como os resultados non acababan de corresponderse cos seus prognósticos, tomaron a determinación de non facer anuncios de fechas concretos; pero iso si, reiterando a diario que o desenlace final está cada vez máis cerca.


Tamén pode ocorrer, por misterios que non están ao noso alcance, que o fin do Mundo non chegou a producirse por non ter coincido, no tempo, as predicións que fixeran os mayas coas dos adventistas do Sétimo Día.

Te puede interesar