Opinión

PAÍSES NÓRDICOS

Tal e como se fixo público o pasado mes de setembro, Arnaldur Indridason, escritor islandés, resultou gañador da VII edición do Premio Internacional RBA de Novela Negra coa súa obra 'A pasaxe das sombras'. Falar de Arnaldur Indridason, é falar dun dos escritores de maior éxito nos últimos anos. Traducidas a súas obras a máis de 40 idiomas, o número de exemplares vendidos en todo o mundo supera a cifra de 10 millóns. Pero non é dos seus éxitos editoriais dos que vou tratar aquí, que máis ben da súa preocupación polo perigo de extinción ao que se ven abocadas as linguas máis débiles. Un perigo do que el ven alertando dende sempre, e que na cerimonia de recollida do premio resumiu con estas palabras: 'Creo que debemos de loitar, sen rendernos, para que as linguas menores, que sempre están baixo ameaza, sobrevivan'. (Consecuente coa súa idea, todas as súas obras están escritas en islandés, un idioma con 300.000 falantes). Un perigo que, segundo ten repetido noutras ocasións, se ve incrementado, no caso do islandés, pola atafegante influencia anglosaxona, tanto no seu léxico como na súa sentase. En realidade, no tocante ás súas respectivas linguas, un sentimento compartido polos distintos países da zona.


Situación de conflito lingüístico, moi serio, o que se está a vivir nos Países Nórdicos. Dun lado, a prestixiosa lingua inglesa, engrandecida pola súa condición de'lingua franca'. E do outro, cinco países pequenos en poboación (no seu conxunto non superan os 25 millóns de habitantes) con cinco linguas, en algo semellantes, por máis que as cinco diferentes. Unha situación na que os Nórdicos, non cuestionando a importancia da lingua inglesa (que case todos coñecen), están tratando de liberarse da súa opriminte tiranía. Pero non en loita aberta, da que sairían perdedores. Que, máis ben, mediante o apoio e dignificación dos seus propios idiomas. Empezando por promover a súa fala nos distintos ámbitos sociais. Intensificando a súa aprendizaxe nos centros escolares. Resaltando as súas posibilidades e os seus valores. Recuperando os nomes de pobos e lugares que foran cambiados por nomes ingleses. Derrogando as ordenanzas lesivas para os seus idiomas.


Idiomas distintos, situacións distintas. Pero que, en algo, nos recorda os problemas da propia lingua galega.

Te puede interesar