Opinión

Pantalóns rotos

Aínda que con algunhas excepcións, e ó marxe dos gustos de cada quen, dende sempre se ven asociando a indumentaria dunha persoa coas súas posibilidades económicas. Moitos serían os matices que habería que facer ó respecto. Por suposto. Pero, por simplificar, e por situarnos nunha época de cando eu mozo, vexamos o que había entón. Roupa nova: propia de xente rica. Roupa rota, pero remendada: propia de xente pobre. Roupa esgazada, e sen remendar: propia de persoas miserentas. E así, se un neno, un mozo ou un vello ían con cueiras no pantalón, con engadidos de media manga na chaqueta, e con zurcidos na camisa, ese neno, ese mozo, ese vello pertencían á casta dos pobres. Ninguén podería imaxinar a un señorito con remendos nas súas pousadeiras. Así era daquela. Mais dende entón, en cuestións de vestimenta, ten habido cambios de gran relevancia.

Hoxe en día ‑e por quedarnos co grupo dos ‘ricos’, no que se deron maiores cambios‑ xa ninguén se estraña ó ver persoas, en aparencia podentes, con vaqueiros rotos e casacas esfarrapadas. ¿Que razóns empurrarían aos membros deste reducido grupo para cambio tan radical? ¿Será que, solidarios, pretenden con este xesto dignificar a situación de homes e mulleres indixentes? Pola contra, ¿non será que todo se deba a unha réplica grotesca dos farrapos que cobren o corpo de persoas desgraciadas, para un maior recochineo? Ou, finalmente,¿non será, no pícaro xogo do “ahora enseño, ahora no”, unha nova maneira de descubrir interioridades? Aínda que non hai que descartar outras razóns. Pero o desconcerto non acaba aí, xa que estas xentes, xentes de privilexio, acostuman a combinar os tales deconstructed jeans con reloxos de platino, sombreiros de deseño, camiseta ‘de marca’, zapatos exclusivos e bulsos de alto standing. E mentres tanto, a clase intermedio-baixa, ¿qué actitude está a tomar? Pois, dentro das súas posibilidades, e con algunhas axudas, tratando de imitar o modelo. Así, para persoas con escasos recursos, aconsellan os entendidos no tema comprar vaqueiros intactos, que son máis económicos. Logo, entrar en youtube onde encontrarán centos de vídeos nos que se explica, con todo detalle, a maneira de cortar e estragar pantalóns. “Si sigue al pie de la letra nuestras indicaciones, conseguirá hacerse con auténticos rayed jeans, ripped jeans, por muy poco dinero. Y será la envidia de sus amistades”. Ao final, todo ten remedio.

Te puede interesar