Opinión

Papel hixiénico

En Suecia, cunha renda per cápita de 44.000 euros (a de España, 22.000); cun salario medio de 45.5000 euros (o de España, 26.000); cun índice de corrupción dos máis baixos do mundo (3º posto, fronte ó 40º de España). Na Suecia de Alfred Nobel, de Ingmar Bergman, de Astrid Lindgren. Pois nesa mesma Suecia, e segundo recollía a axencia Europa Press a semana pasada, os responsables da biblioteca da cidade de Skara tomaran o acordo de colocar chips en tódolos rolos de papel hixiénico con obxecto de impedir, ou cando menos dificultar, o roubo de papel (unha práctica que, polo que din, viña sendo habitual). 

E un non acaba de entender cómo nun país tan rico, e con fama de honrado, se poden producir sucesos así. Máxime, se afecta a material de tan pouco prezo. Por tratarse dunha biblioteca, a preocupación fundamental dos seus responsables debera centrarse na salvagarda dos libros. E vai e sáennos, eles, cos perigos que ameazan ó papel hixiénico. Dende antigo se ven falando desa irreprimible tentación de alpindar libros que experimentan algunhas persoas. (Confesaba o escritor chileno Roberto Bolaño, nun dos seus textos de ‘intimidade’: “Los libros que más recuerdo son los que robé México. Luego, de ladrón de libros, me convertí en atracador de libros”.) Coma con orgullo. Isto, no tocante ó roubo de libros. Pero no caso do papel hixiénico, ¿de que alardear? Ninguén se atrevería a dicir: “Yo, la semana pasada, birlé diecisiete rollos”. E non se atrevería, porque sería obxecto de burla. En tanto eu, cada vez máis desconcertado.

Coñecendo os modos políticos que se usan por aquí, non sería descartable que España se sumase a iniciativa de colocar chips nos rolos de papel. E non só nos retretes das bibliotecas. Que tamén, xa postos, nos dos bares, nos dos hoteis, nos das oficinas, nos dos hospitais, nos dos centros escolares, nos dos cines, nos das salas de concertos. Ningún rolo de papel sen o chip correspondente. Compromiso ineludible. Severidade extrema en asuntos de catro cadelas. O que lles permitirá laretar con descaro, ¡tolerancia cero con la estafa, con el robo y el engaño! Ao tempo que, encoraxados, tratarán de silenciar, ou enmascarar, os casos de corrupción nos que anden metidos.

Te puede interesar