Opinión

PERPLEXIDADES

Perplexidades que nos vai deixando un verán, a punto de rematar.

Estaba eu na idea de que en canto se fixese pública a convocatoria de eleccións ao parlamento de Galicia, dona Rosa Díez iniciaría un percorrido pola nosa Comunidade implorando o perdón dos cidadáns por aquela súa boutade de “gallego, en el sentido más peyorativo del término”. Esa era a miña idea. Pero pola contra, ante a perspectiva de malos resultados nas eleccións galegas (cálculos de dona Rosa), puntualiza a interesada que “el voto a mi partido es una opción muy pensada y razonada”, e que, dado o “desbarajuste político” existente, os electores galegos non serán quen de apreciar as bondades do seu grupo. Ou sexa, unha cantamañanada máis da tal señora. ¿Cal a próxima?

En declaracións a unha emisora coruñesa, falaba don Francisco Vázquez, ex-alcalde da Coruña, da “catástrofe zapaterista”, ao tempo que, en referencia a dous compañeiros de partido, consideraba que carecían de “legitimidad” como candidatos do PSdeG á presidencia da Xunta polo mero feito de ter sido “ministros zapateristas”. Así fala agora don Francisco. E antes, qué. Pois, sen formación diplomática, exercer oufano como embaixador de España ante a Santa Sede, posto para o que fora nomeado, ¡ai, por un goberno da “catástrofe zapaterista”. ¿E cal a razón de tal cambio? Seguro que moitas persoas do seu partido saberán o porque de cambio tan radical. Seguro.

Segundo o informe anual do goberno corporativo das empresas do IBEX 35 correspondente a o ano 2011, a remuneración dos altos directivos incrementouse nunha media dun 5%, pese a unha caída dun 33% na conta de resultados da empresa. Paradoxos da vida. Con remuneracións anuais para altos directivos como as que van deseguido. (Por precaución, omito o nome da empresa e do perceptor). Empresa A, remuneración de alto directivo, 7.7 millóns. Empresa B, 7.8. Empresa C, 9.2. Empresa D, 11.6. Empresa E, 17.3. Directivos que en ocasións nos advirten que para superar esta crise de tantas desgracias resulta imprescindible “apretarse el cinturón”. ¿E que dicir dos emolumentos dos ex-directivos das caixas de aforros? Situación moito máis escandalosa, por suposto. Pero é cuestión na que hoxe non vou entrar aquí, por estar o asunto en mans da Xustiza. Como ten que ser.

Te puede interesar