Opinión

POBOACIÓN

Ourense liderará en la próxima década la pérdida de habitantes en España', era o titular da noticia que publicaba este xornal a semana pasada.


Ourense, de novo. Segundo as previsións do Instituto Nacional de Estadística, nos próximos dez anos a provincia de Ourense sufrirá unha redución no seu número de habitantes dun 10% (30 mil habitantes, aproximadamente). Co que baixaría, dende tempos que non se recordan, dos 300 mil. E cunha perda dun 40% en relación ao ano 1950, cando a cifra de habitantes se aproximaba ao medio millón. En suma, forte perda de poboación ano tras ano.


Diminución que afectando na actualidade a case todos os pobos da provincia, se está a asañar de maneira especial cos núcleos máis pequenos. Con datos do INE, no ano 2012 había 272 aldeas nas que non quedaba nin sequera un veciño, e 175 nas que vivía tan só unha persoa. Resumindo, cincocentos pobos da nosa provincia practicamente baleiros. Devastación que, ata o presente, apenas se ten deixado sentir nas vilas máis 'puxantes'. E, tamén de momento, sen ningunha repercusión na capital, estabilizada dende comezos dos noventa en torno aos 108 mil habitantes.


Un movemento á baixa que nos próximos anos seguirá cerrando aldeas. E que algo máis adiante, lles tocará ás vilas. 'Home, non', haberá quen diga. Mais ou menos o que deberon dicir en tempos os veciños dalgúns dos pobos hoxe pechados. Ou é que, co panorama que se nos presenta, ¿alguén pode albiscar, no tocante a movementos de poboación, un futuro venturoso para a provincia de Ourense? Onde no pasado ano se rexistraron 1.931 nacementos e 4.771 defuncións (nun só ano, un saldo negativo de 3.841 persoas!). E logo están os que se marchan para outros puntos de Galicia, para outras provincias de España, para outros lugares do mundo; en busca de traballo. Mesmo como se, de novo, tomase todo o seu sentido aquela canción lamento dos anos sesenta que dicía: Vámonos deiquí para a banda de Alemania, e déixame fuxir que eiquí non fago nada.


Saldo negativo en nacementos/defuncións, xentes que se marchan de Ourense para poder gañar a vida noutros lugares, pobos que van quedando desertos día a día. Nunha desfeita que non parece ter fin.


Pois vaia panorama que lles pinto...

Te puede interesar