Opinión

Preferiblemente sucios

Cando pensaba -e así o puxen de manifesto nun artigo anterior‑ que con levar vaqueiro estragado era requisito suficiente para ir á moda, mal podía adiviñar que de nada valen roturas nin remendos se o tal pantalón está limpo. “¡Mira que par de gañanes! Mucho vaquero roto, mucho bamboleo y, al tiempo, presumiendo de limpieza, los muy cochinos”, escandalizábase unha moza sinalando para aqueles. Palabras que provocaron moitas risas entre os seus compañeiros de mesa. Son conversas que calquera pode escoitar a diario, e ás que eu non acababa de encontrarlle ningún sentido. Comentaba onte o caso na consulta do dentista, cando un dos presentes me entregou unha papeleta na que anotara unha dirección de internet, asegurándome que alí encontraría abundante ‘literatura’ ó respecto. E canto cheguei á casa, o primeiro que fixen foi entrar na dirección que figuraba na papeleta. A partir de aí, comecei a comprender.

“Estes son os meus vaqueiros favoritos. Téñoos dende vai máis ou menos un ano, e aínda non viron a lavadora. Sei que soa a noxento pero, créanme, penso que pode facerse”. Quen así se expresaba ‑en inglés, claro‑ non era outro que Chip Bergh, presidente executivo de Levi Strauss (empresa que fabricou os primeiros pantalóns vaqueiros). En termos moi parecidos pronúnciase a xefa de deseño da empresa, para quen, o lavado da prenda interrompería o seu envellecemento natural, tanto en color como en textura, así como o proceso de adaptación ás formas anatómicas do usuario. E se a tanta vantaxe, por manter a prenda sucia, se lle une un aforro considerable de auga (ben que por escaso, cada vez máis prezado) non é de estrañar que a empresa Levi Strauss puxese en marcha o enigmático slogan “a sucidade é a nova limpeza”. Postura compartida tanto polo acreditadísimo deseñador Tommy Hilfiger, como pola non menos famosa deseñadora Palee Sternberg. Verdadeiros santóns da vestimenta os dous.

Agora ben, ¿como acabar coas bacterias ligadas a sucidade?, se preguntan algúns. Pois tamén para eles hai resposta. Segundo os defensores desta nova doutrina (entre os que destaca a científica Stephen Craig) a conxelación mata tantas bacterias coma un lavado convencional. Polo que, de cando en cando, e en lugar de lavado, aconsellan meter a prenda durante a noite no conxelador da neveira!!! Prodixios dos novos tempos que, pouco a pouco, vamos asumindo.

Te puede interesar