Opinión

PREMIO

Asemana pasada, por fin, puidemos coñecer os nomes dos agraciados co Premio Nobel de Economía 2013.


Agardábamos con ansia o nome dos elixidos, por se puidese darse a sorpresa de figurar entre eles algún español. Pero sorpresa non houbo, xa que americanos os tres afortunados: R. J. Shiller, E. F. Fama e L. P. Hansen. Aclarado o dos seus nomes, vaiamos ao capítulo de logros que motivaran o premio. Polo que se rumoreaba por aí, moitos fixerámonos á idea de que este ano Academia premiaría a candidatos que se tivesen significado por propostas de mellora da economía global. Esta era a idea. Mais a Academia, en contra do esperado, resolveu galardoar ós citados por ter sentado as bases para unha comprensión máis precisa do prezo dos activos financeiros, e o grao de incidencia nos mesmos da denominada exuberancia irracional(!). E todo isto, ¿en que se traduce? Segundo os membros da Academia, 'non hai maneira de predicir os prezos de accións e bonos para os próximos días ou as próximas semanas. Pero si é posible prever a evolución ampla deses prezos en períodos máis longos, como pode ser de tres a cinco años'.


A ver se vou entendendo algo. O que parece que nos queren dicir é que, en adiante, e por medio da fórmula máxica inventada polos galardoados, calquera persoa metida en números será quen de calcular o valor que terá cada un dos activos financeiros dentro de tres ou catro anos. Pois xa me vexo eu, e vexo ó resto dos españois (os dos demais países non caerán na conta), indo á procura dun esperto que nos saiba informar das accións que producirán os maiores beneficios. E, con isto, a inverter todo o que temos (todo), incluso empeñándonos ata as orellas. De tal modo que, dentro de tres anos, todos os españois, galegos incluídos, seremos ricos, inmensamente ricos. O que, entre outras magnificencias, lle permitirá ao presidente do Goberno español do momento anunciarlle ao mundo enteiro: España va como un ciclón.


Pero, chegado a este punto, non podo evitar que se me veña á memoria aquilo de 'España va bien' (en plena xestación da máis brutal das burbullas inmobiliarias: ¡construír, construír!). Tamén o de 'En esta Champions League de las economías mundiales, España es la que más partidos gana' (xa en imparable desfeita).


E todo se me ven abaixo.

Te puede interesar